Concentración da CIG na estación de autobuses de Ribeira contra o acoso laboral no Grupo Ferrín
A Unión Local da CIG das Rías convoca para o vindeiro día 19 de setembro, ás 12:00 horas, unha concentración diante da estación de autobuses de Ribeira contra o acoso laboral que veñen padecendo varios traballadores e traballadores do Grupo Ferrín. Ademais, ten previsto remitir escritos aos grupos municipais explicando a situación, para que se adopten medidas contra a empresa e á propia Xunta de Galiza para que teña en conta estes feitos á hora de renovar as concesións de liñas de transporte.
Os traballadores e a traballadora afectados prestaron declaración esta mañá no xulgado de Instrución de Ribeira, logo de que a CIG presentara unha denuncia penal contra a empresa de autobuses Grupo Ferrín e os seus administradores/as, por delitos continuados contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras e por delito de desobediencia ás autoridades, nomeadamente por incumprir de maneira reiterada as sentenzas xudiciais e os requirimentos da Inspección de Traballo.
A CIG denuncia a persecución iniciada polo Grupo Ferrín logo de que a central sindical gañara as eleccións sindicais no ano 2014 e que se intensificou tras da folga convocada en 2015 para exixir o cumprimento do convenio colectivo en materia de xornada, horas extras, salarios, prevención de riscos e o cese da represión sindical que xa se estaba a producir nese intre.
Porén, a pesar das múltiples actas de sanción da Inspección de Traballo e as ducias de resolucións xudiciais desfavorábeis que acumula a empresa, o acoso non fixo máis que ir en aumento, chegando ao punto de que a representación social e os/as traballadores/as que se significan na reivindicación dos seus dereitos sofren modificacións continuadas das súas condicións de traballo, imposicións de sancións de todo tipo e mesmo despedimentos arbitrarios "co único obxectivo de consolidar a escravitude laboral".