Concentración en apoio a Pablo Fragoso, acusado de "aldraxe" á bandeira española durante unha protesta

O acto celebrouse coincidindo coa celebración do xuízo en Ferrol, que quedou visto para sentenza
Ferrol - 21 Feb 2017

Coincidindo coa celebración do xuízo, delegados e delegadas da realizaron este martes unha concentración solidaria con Pablo Fragoso, para quen a Fiscalía solicita unha sanción de 1.850 euros por "aldraxe á bandeira española". Unhas acusacións que o compañeiro rexeitaba novamente ás portas do xulgado, enmarcando a denuncia nunha "vinganza" do Almirante do Arsenal polo conflito protagonizado entre 2014 e 2015 polas traballadoras da limpeza das instalacións.

A respecto dos presuntos insultos á bandeira española durante o acto do izado, Fragoso amosouse estrañado de que se puidera escoitar nada dende o interior dunha garita situada a 40 metros, máis tendo en conta que as concentracións ás portas do Arsenal estiveron sempre acompañadas de chifres, bucinas, consignas e o ruído dos megáfonos, así como dun desproporcionado dispositivo dos corpos e forzas de seguridade.

Por iso, entende que o xuízo deste martes "é unha vinganza" do Almirante que había entón por todo o conflito desenvolvido polas traballadoras de Cleanet (adxudicataria do servizo de limpeza) en demanda do cobro dos seus salarios. Unha situación laboral, aseverou, da que o responsábel militar se desentendeu completamente, importándolle máis que se gardara silencio durante o izado que os dereitos das traballadoras.

Neste senso, lembrou que a CIG-Servizos tivo que presentar denuncia contra o arsenal por vulneración do dereito á folga das traballadoras, xa que se estaba a obrigar ao persoal militar a realizar as tarefas de limpeza. De igual xeito, subliñou que a denuncia contra del foi presentada por persoal militar cando o conflito xa estaba solucionado.

"Unha insensatez"

Durante o xuízo, que quedou visto para sentenza, as testemuñas da acusación incorreron en varias contradicións a respecto dos feitos denunciados e amosaron un descoñecemento absoluto do conflito laboral que se estaba a vivir nas dependencias militares ou da situación de impago que atravesaban as traballadoras de Cleanet.

Dende a CIG-Servizos de Ferrol cualifican de "sen sentido"  todo este proceso. "Estase colapsando o xulgado do penal con cuestións sen relevancia e que non son delito", asevou Rocío Doce. Neste senso, engadiu que nas conclusión da defensa se puxo de manifesto o dereito á liberdade de expresión e de ideoloxía, fundamental nunha sociedade democrática e "que casos como este poñen en cuestión".