Concentración en Aluminios Cabeal para esixir a readmisión do persoal despedido
A principios deste ano a empresa Aluminios Cabeal (do Polígono do Tambre, en Compostela) despedía o delegado da CIG mentres estaba de baixa por IT. Posteriormente despedía a outros dous traballadores dos que se sabía que apoiaban as reclamacións que, en materia de condicións laborais, viña facendo o delegado. A CIG-Industria xa presentou demanda de nulidade e esta mañá un grupo de traballadores e traballadoras concentrábase en demanda da súa readmisión e para denunciar a represión sindical da empresa.
No caso do despedimento do delegado, o secretario comarcal de Industria de Compostela, Benedicto Blanco, denuncia que o traballador foi perseguido por un detective privado estando de baixa despois e que a empresa alegou, para xustificar o seu despedimento, que colleu no colo a un neno de 11 meses durante a cabalgata de Reis.
Para Blanco este despedimento foi consecuencia, en realidade, das demandas que viña facendo na empresa para conseguir que melloraran as condicións laborais do conxunto do persoal en materia de vacacións, calendario de traballo ou en demanda de que non se fixeran horas extra.
Despois deste despedimento a empresa aínda despediu a un traballador e unha traballadora que estaba a media xornada dos que era coñecido que apoiaban as demandas do delegado.
Represión sindical
Por iso a CIG-Industria denuncia a represión sindical que o persoal sofre en Aluminios Cabeal. Unha “persecución” que mesmo levou ao traballador despedido a rexeitar a posibilidade de gañar nun xuízo a nulidade do despedimento e buscar outro emprego “para non seguir padecendo o acoso ao que se vía sometido”.