Protesta en Corcubión contra supresión do servizo de practicaxe que deixa inoperativos os portos da ría

- 03 Nov 2022

Traballadores e traballadoras de XEAL e veciñanza da comarca concentráronse esta tarde diante das oficinas de Portos de Galiza en Corcubión en rexeitamento á supresión do servizo de practicaxe e o traslado da grúa do porto de Brens, así como para reclamar futuro industrial e emprego na comarca.

A decisión da Xunta de Galiza, administración da que dependen os portos de Corcubión, Corme, Laxe e Cee, de recortar á metade os custes do servizo ten provocado que a licitación quede deserta. Isto supón un duro golpe á continuidade das fábricas de ferroaliaxes, xa que contar co práctico e a súa tripulación é preceptivo para que os barcos que chegan coa materia prima e os que levan o produto elaborado poidan entrar e saír do porto.

Na protesta, o presidente do comité, Alfonso Mouzo, advertiu que XEAL podería aproveitar esta circunstancia para facer inviábeis as fábricas "acolléndose a escusa dos altos custes do transporte das materias primas por estrada, que se dispararían". Ademais, "para rematar con calquera posibilidade de actividade no noso porto, tamén se vai trasladar a grúa de Brens ao Porto Exterior da Coruña".

Subliña que XEAL vén incumprindo de maneira reiterada ás cláusulas das concesións hidroeléctricas, provocando o desmantelamento progresivo das fábricas, paralizando a produción até o punto de ter só un forno en activo en cada factoría, reducindo os postos de traballo e recortando as condicións laborais do persoal, manobrando para facer decaer o convenio colectivo propio.

Estas actuacións, entende o comité, confirman que a operación de compra-venda entre Ferroatlántica e Sixth Street Partners-Ithaka era unha fraude e que o único interese do fondo de investimentos está no negocio da produción de enerxía. Porque mentres recorta a actividade nas fábricas, XEAL pretende aumentar a produción eléctrica a través de dúas novas explotacións.

Neste senso, a representación do persoal alerta que na práctica hai unha segregación encuberta das actividades produtivas (vinculadas en virtude das cláusulas esenciais das concesións de explotación) pero a Xunta de Galiza non só non está actuando para obrigar a empresa a cumprir a legalidade, senón que "mira para outro lado".

Mocións nos concellos da comarca por un futuro industrial

Por estas razóns, o comité acordou solicitar o apoio das corporacións locais de toda a comarca mediante a presentación de mocións para a súa votación nos plenos municipais, nas que se pide instar a Xunta de Galiza e a Augas de Galiza a condicionar calquera autorización administrativa para novos aproveitamentos hidráulicos ao cumprimento das cláusulas concesionais; así como instar a administración autonómica e a empresa á presentación dun Plan Industrial e de Viabilidade das fábricas e de recuperación do emprego.

Xunto a isto, instan a todas as partes implicadas (Xunta de Galiza, empresa, concellos e comité) á apertura dunha negociación  "a fin de darlle aprobación ao sinalado no apartado anterior". E finalmente, na moción recóllese un punto para chamar o Goberno galego e ao ente público Portos de Galiza a restabelecer de maneira inmediata o servizo de practicaxe na ría de Corcubión e revogar a decisión do traslado da grúa do Porto de Brens.

Desmantelamento do servizo público

Na mesma liña, a CIG de Cee critica que estes recortes no servizo de practicaxe se suman ao desmantelamento do servizo público de estiba e desestiba iniciado na primeira década de 2000, que levou á total desaparición deste servizo na comarca, ao pasar dun cadro de persoal formado por 21 estibadores e non ter ningún na actualidade; e que supuxo tamén a perda de tráficos marítimos como o da madeira.

Pero ademais, a desaparición da politaxe compromete a propia seguridade marítima "xa que sen este servizo nin sequera se podería fondear na ría no caso de emerxencia".