Concentración en Coremain ante a negativa da empresa a valorar un ERTE

A empresa ten previsto executar os despedimentos o día 15 de outubro, antes de rematar o período legal
Compostela - 10 Out 2022

O persoal de Coremain está chamado a unha concentración ás portas da empresa, mañá martes día 11, ás 11:00 horas, coincidindo coa última reunión do período de consultas do ERE presentado pola empresa e que afectará a máis do 20% do persoal. Logo das asembleas e convocatoria de concentración a representación das traballadoras e traballadores solicitou contactos informais aos que accedeu a empresa.

Coremain convocou un período de consulta para o ERE que ten sobre a mesa con só tres reunión (días 30 de setembro e 5 e 11 de outubro). Pasadas xa dúas xornadas, a CIG comunicoulle á empresa que se deberían sinalar máis días de reunión. Porén a empresa deixou está decisión para o próximo día 11, porque ten previsto executar os despedimentos o día 15 de outubro, 15 días antes da finalización do período legalmente establecido de 30 días.

Ante esa situación, este venres celebráronse tres reunións de traballadores e traballadoras en Coremain coa fin de informar sobre o proceso de negociación do ERE, consensuar prioridades e acordar as medidas a adoptar. Das reunións saíu a convocatoria de concentración  para o día 11, ás 11:00 horas, para que a empresa avance nos seguintes puntos:

  • Facilitar un ERTE de un ano ao que se poidan acoller os traballadores e traballadoras incluídas no ERE, para dar marxe a Coremain para buscar proxectos onde recolocalos. A esas persoas se lles facilitaría formación para a súa recolocación.
  • Bolsa de traballo para os despedidos no ERE para acceder a un posto de traballo no grupo de empresas. Tamén con formación.

Tamén están pendentes de concretar as cantidades para indemnizar ás persoas que se acollan ao ERE, e que de momento non se tratou. Por todo isto a CIG considera excesivamente precipitada a data sinalada de finalización do período de consulta e entende que son imprescindíbeis novas xornadas de reunión para lograr máis avances.