Facet Ibérica “celebra” o despedimento de sete traballadores cuns petiscos para a dirección

Persoal concentrouse diante das instalacións da fábrica en Arteixo
A Coruña - 09 Mai 2019

Traballadores de Facet Ibérica concentráronse este xoves diante fábrica situada no Polígono de Sabón en rexeitamento aos sete despedimentos executados pola empresa no día de onte. A representación social entende que non existen causas que motiven unha medida como esta e que atrás destes despedimentos está a intención da compañía de subcontratar a actividade a empresas externas.

A concentración realizouse coincidindo coa visita ás instalacións dos propietarios norteamericanos, a quen agasallaron cuns petiscos mentres na porta o persoal coreaba consignas esixindo a readmisión dos compañeiros e compañeiras despedidas.

A empresa (que se dedica á fabricación de sistemas de filtración e separación de fluídos e na que traballan unhas sesenta persoas) xustifica cinco dos despedimentos alegando causas organizativas e produtivas mentes que nos outros dous casos formula despedimentos disciplinarios en base a supostas faltas laborais graves. O delegado da CIG na empresa, Miguel Sánchez, denuncia que as causas esgrimidas por Facet Ibérica non son reais e "que estamos ante un ERE encuberto".

Neste senso, apunta ao feito de que os despedimentos disciplinarios afectan a persoal que leva máis de 30 anos traballando nesta firma, tempo durante o que nunca tiveron problemas laborais. Ademais, engade, a medida choca coas afirmacións realizadas pola dirección asegurando que están en proceso de crecemento e van contratar novo persoal para a planta de Arteixo. “Non parece moi lóxico que se hai un plan de ampliación se despida a sete traballadores/as de golpe”, valora.

Así as cousas, a esta primeira concentración, convocada de maneira urxente tras coñecerse os sete despedimentos, seguiranlle outras mobilizacións nas vindeiras semanas para denunciar a actuación empresarial, os intentos de externalización da produción e para esixir a readmisión dos compañeiros e compañeiras despedidas..