Concentración en Ferroatlántica Cee contra o recorte de produción e por un plan de viabilidade

Recorte drástico da actividade das fábricas mentes a produción de electricidade está ao 100%
Cee - 17 Feb 2020

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica iniciaron estes luns o calendario de mobilizacións para reclamar o arranque inmediato do forno 13, retomar a produción normal no resto dos fornos e instar a Xunta a que convoque unha reunión a tres bandas (empresa, comité e administración) na que demandar o plan de viabilidade e que se clarifiquen os termos do contrato de venda. As protesta realizouse diante das instalacións de Brens e repetirase en luns alternos, de maneira que a seguinte conentración será o luns 2 de marzo.

O calendario de mobilizacións foi aprobado polas asembleas do persoal en resposta  ao progresivo desmantelamento da fábricas e o recorte drástico da produción, que poñen en cuestión o futuro dos empregos e a viabilidade das propias fábricas. Diante desta situación, o comité reclama, unha vez máis, que se esixa a Ferroatlántica de inmediato o preceptivo plan de viabilidade "e que se poña en claro cales son as condicións do contrato e que acordos existen entre FerroGlobe e TPG".

Con este obxectivo, a pasada semana solicitaron da Consellaría de Industria que convoque, a maior brevidade posíbel, unha reunión a tres bandas (empresa, comité e Administración) para abordar o futuro dos empregos e das factorías e, de igual xeito, remitiron un escrito a Augas de Galiza para que informe de todos os procesos administrativos que puidera ter aberto a raíz da operación de venda que Ferroatlántica acordou con TPG-Ithaka.

Ao tempo, dende a representación do persoal tamén se lle pediu a Augas de Galiza que facilite copia do requirimento/solicitude do plan de viabilidade ou do plan industrial feito á empresa; pois, segundo as informacións dadas pola Consellaría de Industria na reunión do pasado 11 de febreiro, Augas de Galiza solicitou en outubro a Ferroatlántica SAU este plan, logo de comunicarse a cancelación do leasing das centrais e o cambio de propiedade.

Pero, denuncia o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG), "a día de hoxe, e malia os compromisos adquiridos no seu momento polo conselleiro de Industria, o comité non ten coñecemento de ningunha destas actuacións nin tampouco se lle remitiu aínda a documentación achegada pola empresa á Administración galega para poder levar adiante a venda do complexo industrial e das centrais".

O forno 13, parado todo o ano

Mouzo alerta que as factorías están ao 30% da súa capacidade de fabricación, mentres que a produción de electricidade está ao 100%, "confirmando que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía e que a operación orquestrada con FerroGlobe é unha fraude". Cómpre lembrar que o forno 13 estará parado durante todo 2020 e sen data concreta para o seu arranque, "nin sequera no horizonte da aprobación do estatuto para as industrias electrointensivas".

Mentres, o resto dos fornos están sometidos a un plan de paradas diarias, de entre 10 e 14 horas, "o que provoca  avarías con risco e que haxa que facer reparacións de continuo". Ademais, a empresa ameaza con cesar tamén o forno 14, o que deixaría a este centro de traballo sen fabricación de aliaxes de manganeso.

Para o presidente do comité o único motivo que pode xustificar esta drástica redución da produción "é a grave situación económica de FerroGlobe, que lle impide, por falta de liquidez, comprar as materias primas necesarias e de calidade para unha plena produción".