Concentración en Mármores Alende polo despedimento de todos os traballadores

A empresa adebédalles catro mensualidades e tampouco lles pagou a indemnización
Compostela - 23 Xun 2017

A CIG-Construción de Compostela vén de denunciar o despedimento de todos os traballadores de Mármores Alende. A empresa compostelá non só deixa na rúa a todo o persoal senón que ademais adebeda catro mensualidades e nin sequera pagou as indemnizacións. Diante desta situación, este venres, 23 de xuño, ás 17:00 horas, concentraranse diante da empresa, no polígono da Costa Vella.

Eduardo Sebio, responsábel da CIG-Construción de Compostela, denuncia que “a empresa pretendía que o persoal traballase sen cobrar ate finais do mes de xuño”. Porén, cando os traballadores anunciaron o inicio de mobilizacións para reclamar as nóminas pendentes o empresario decidiu despedilos a todos.

Para Sebio é “indignante” que a empresa aínda teña a “desvergonza” de dicirlles aos traballadores que non se preocupen “porque pagará o FOGASA, cando esta familia de empresarios se enriqueceu a costa do seu traballo durante os últimos 30 anos”.

Lembra que o Fondo de Garantía Salarial pode tardar até catro ou cinco anos en pagar e que aínda por enriba só lles pagaría unha parte das cantidades adebedadas. Xunto a isto sinala que este fondo é unha garantía para que os traballadores e traballadoras de empresas en situación de quebra cobren parte dos salarios e indemnizacións pendentes.

Sinala que porén, “esta empresa viña traballando con normalidade e con moita carga de traballo” e que ademais ten mármore nas súas instalacións que ben podía venderse e pagar con eses cartos, cando menos os salarios pendentes até o día de hoxe”. A CIG-Construción sospeita que os empresarios queren vender ese material para quedar cos cartos, mentres deixan aos traballadores na rúa e sen cobrar”.