Concentración en R contra a deslocalización de servizos e empregos

A Coruña - 27 Ago 2019

Dentro do calendario de mobilizacións acordado para este mes de agosto, os traballadores e as traballadoras de COMFICA e Indra, contratas de R, desenvolven este martes unha nova xornada de folga de 24 horas e un paro laboral de 3 horas, respectivamente, en defensa dos empregos e contra o proceso de traslado de servizos iniciado por Euskaltel, propietaria de R Cable. Para dar visibilidade as súas reivindicacións e informar á cidadanía das consecuencias desta decisión empresarial, o persoal realizou unha concentración esta tarde diante do edificio que R ten na rúa Real da Coruña.

As protestas continuarán este mércores, 28 de agosto, cunha concentración ás 12:00 horas, mais desta volta diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos, para esixir a intervención activa do Goberno galego e que convoque unha reunión con presenza de todas as partes implicadas (R, contratas, Xunta e representación social) para abordar o futuro dos máis de mil empregos que están en xogo e o mantemento da prestación de todos os servizos  dende Galiza, tal e como se veu facendo até agora.