Concentración no Ministerio de Xustiza pola negativa a negociar as condicións laborais do seu persoal

Anuncian novas mobilización o 2 de decembro, ás 10:00 horas, nos centros de traballo
Madrid - 22 Nov 2022

Persoal e sindicatos, entre eles a CIG, do sector de Xustiza concentráronse esta mañá diante do Ministerio de Xustiza en demanda da negociación da Lei de Eficiencia Organizativa do Servizo Público de Xustiza para garantir as condicións laborais, os centros de destino e as funcións dos funcionarios. Denuncian que o Ministerio se nega a negociar cos representantes dos traballadores algo tan esencial como son as súas condicións laborais e anuncian novas mobilizacións nos centros de traballo o 2 de decembro, ás 10:00h.

Previo á protesta desta mañá, representantes dos sindicatos quedaron pechados, até que foron desaloxados, contra as 21:00 horas deste luns, no interior do Ministerio de Xustiza, á espera da comparecencia da ministra Pilar Llop ou doutro alto membro do seu equipo. Comparecencia que nin se deu onte, nin agardan que se produza.

Lei de Eficiencia Organizativa

Denuncian que o proxecto de Lei de Eficiencia Organizativa non garante os actuais centros de destino, nin as retribucións e demais dereitos laborais e pode supoñer unha importante redución de postos de traballo e supresión de servizos prestados pola Administración de Xustiza.

Aseguran que este anteproxecto de Lei permite a mobilidade funcional e xeográfica do persoal e a asignación de funcións correspondentes a outros centros de traballo distintos a aquel en que estea adscrito, ademais de abrir a posibilidade de impoñer novas Listas de Emprego sen negociar.

Xunto a isto, o persoal da Administración de Xustiza demanda o desenvolvemento e retribución da Carreira Profesional, que é un dereito recoñecido na Lei Orgánica do Poder Xudicial desde 2019, pero que o Ministerio de Xustiza rexeita negociar, recoñecer e establecer as súas retribucións complementarias.

Tamén se require a mellora da Promoción Interna para a recuperación do 50% das prazas das Ofertas de Emprego Público para esta quenda e reclama unha convocatoria extraordinaria sumada á convocatoria da quenda libre dos procesos de estabilización."Se o acceso pola quenda libre se realiza polo sistema de concurso-oposición (sen oposición) tamén a Promoción Interna ten que se facer polo mesmo sistema de concurso de méritos", afirman.

Outra das reivindicacións sindicais nestas mobilizacións é a convocatoria de Concursos de Traslados con todos os postos vacantes, denunciando que moitos deles se ocultan ano tras ano ao acceso do persoal ordinario, sen ningunha xustificación, coartando as expectativas de mobilidade do persoal.

Reclaman, en fin, a negociación do Regulamento e Relacións de Postos de Traballo do Rexistro Civil e denuncian que o despregamento dos novos Rexistros Civís se está a realizar de forma unilateral sen negociación colectiva, que se lles asignan arbitrariamente novas funcións para o persoal dos novos Rexistros Civís e das oficinas colaboradoras dos Xulgados de Paz e que o novo programa informático DICIREG aumenta o volume de traballo pero non aumenta o número de efectivos.