Concentración no SEPE para esixir que lle recoñeza ao persoal do GES de Guitiriz o dereito a cobrar o paro

"O Concello aplica un ERTE ilegal e os únicos prexudicados son os traballadores/as"

Lugo -

A CIG continuou este xoves as mobilizacións en defensa dos dereitos das e dos traballadores do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Guitiriz afectados por un ERE temporal pero a quen o Servizo Público de Emprego non lles recoñece a prestación por desemprego por entender que o expediente é manifestamente ilegal.

Con esta concentración, explica o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, quérese demandar do SEPE que lle recoñeza os traballadores e traballadoras o dereito a cobrar o paro, posto que a súa negativa "déixaos nunha situación absolutamente precaria e de indefensión". Aproveitando a protesta, solicitouse unha reunión coa directora provincial do organismo quen reiterou que as Administracións públicas non poden aplicar un ERE ao amparo do artigo 47 do Estatuto de Traballadores/as, e por iso entende que o expediente é nulo e que este persoal non está en situación de desemprego.

Neste senso, Neto apunta que, aínda compartindo o parecer do SEPE sobre a ilegalidade da regulación executada polo Concello de Guitiriz, hai un feito obxectivo: aos traballadores/as aplicóuselles un ERE temporal e están involuntariamente nesta situación, tal e como así o acreditan as demandas presentadas no xulgado do Social.

Pero ademais, o secretario de Organización da CIG de Lugo lembra que non é competencia do SEPE determinar a nulidade ou non do expediente de regulación, senón da xustiza, polo que "a Dirección Provincial do SEPE estase excedendo nas súas funcións. Ao noso entender o que debería facer é recoñecerlle o dereito a percibir o paro a este persoal, que ten o contrato suspendido dende o pasado 30 de xaneiro, e logo pasarlle a correspondente liquidación ao Concello".

Indefensión da clase traballadora ante os abusos das Administracións

Para Neto "este caso demostra ás claras cal é o nivel de indefensión das traballadoras e traballadoras ante os abusos das Administración, xa que tanto a Inspección de Traballo como o SEPE recoñecen a nulidade do ERTE pero din non ter mecanismos para darlle unha saída. É máis, no caso do servizo de emprego, o único mecanismo do que dispón é prexudicar o persoal afectado denegándolle o dereito ao paro".

De feito, engade, a única solución que se lles ofrece é recorrer aos xulgados do Social que, aínda por enriba, na provincia de Lugo viven un auténtico colapso, acumulando longas demoras na resolución dos procesos, a pesar do cal o Ministerio de Xustiza negouse a autorizar a creación dun cuarto xulgado que alivie este atasco.

"O Concello de Guitiriz executa un ERTE ilegal e non hai lexislación que ampare os empregados/as afectados/as. Demóstrase a precariedade que ten a clase traballadora á hora de defenderse dos abusos das administracións", asevera. Para atallar esta inxustiza, Lois Neto volveu reclamar do Concello de Guitiriz, principal responsábel desta situación, que suspenda de inmediato a execución do ERTE e dea de alta o persoal, a todos os efectos, desde a data de inicio do expediente.

Volver