Concentración no SMAC contra a represión sindical na empresa Vázquez Rey

A compañía despediu a dous traballadores por participar na mesa electoral

A Coruña -

A CIG concentrouse este martes diante do SMAC para denunciara represión sindical que está a exercer a dirección da empresa Vázquez Rey, que despediu a dous traballadores por ter formado parte da mesa electoral nas últimas eleccións. A protesta realizouse coincidindo co acto de conciliación dun dos traballadores que, ao igual que aconteceu co SMAC do seu compañeiro, rematou sen avinza , polo que agora o proceso continuará pola vía xudicial.

Estes dous despedimentos, explica o secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña, Mario Maceiras, profundan na política de represión da empresa no seu intento de boicotear o proceso electoral e evitar que os traballadores puideran elixir o candidato da CIG como o seu representante legal. Precisamente, lembrou, os dous operarios despedidos formaban parte da mesa en calidade de presidente e secretario suplente.

Dende que se comunicou o inicio do proceso de eleccións sindicais, a dirección da empresa (situada no Polígono de Sabón en Arteixo) tentou impedir o seu normal desenvolvemento, até o punto de que o xerente tratou de manipular a única candidatura presentada, a da CIG, incluíndose a si propio como candidato. Porén, como esta manobra non funcionou, a empresa recorreu entón as ameazas e coaccións aos integrantes da mesa para que desistiran de participar no proceso, algo ao que non cederon nin o presidente nin os suplentes.

A empresa acúsaos de "transgredir da boa fe contractual"

Ao non lograr o obxectivo de facer encallar o proceso electoral nin de anular a acta a través dun laudo arbitral (que finalmente validou o proceso), a dirección da empresa despediu o presidente e o secretario da mesa alegando que "transgrediron a boa fe contractual" por ter participado no proceso electoral. Non satisfeita, a empresa tamén denunciou o proceso no xulgado de garda.

Maceiras denuncia a represión sindical que se está a vivir nesta empresa, "fronte á que non imos quedar impasíbeis". Neste senso, explica que a dirección leva anos presionando e acosando os candidatos e afiliados da CIG "e de feito, aseguráronse de que durante décadas a representación sindical estivera 'secuestrada'".

Diante desta situación, a CIG defenderá a readmisión destes dous traballadores tanto pola vía xudicial como a través das mobilizacións e esíxelle á empresa que respecte os lexítimos dereitos do seu persoal e cese de inmediato na súa política represiva.

Volver