Concentración nos xulgados da Coruña contra a represión sindical en Betanzos HB e en apoio dos tres despedidos

A protesta realizouse coincidindo co primeiro dos xuízos polos despidos, que a empresa executou logo de que a CIG preavisara as eleccións
A Coruña - 29 Mar 2016
A CIG realizou unha concentración este martes diante dos xulgados da Coruña en solidariedade cos tres traballadores de Betanzos HB despedidos pouco despois de que a central preavisase eleccións na empresa. Hai que subliñar que estes tres compañeiros formaban parte da candidatura da CIG e previamente tiñan presentado denuncias na Inspección en materia de seguridade e saúde laboral e por fraude na contratación.

Ás portas do xulgado, o Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira describía Betanzos HB (antiga Tafiber) como o “modelo de aplicación da reforma laboral e do desmantelamento das relacións laborais”. Engadía que na fábrica se está a producir dende hai tempo unha persecución contra o persoal achegado á central nacionalista “polo simple feito de defender os seus intereses e os dos seus compañeiros/as”.

Neste senso, Sergio Roca, delegado de persoal, explicaba que no ano 2011 un grupo de traballadores/as  decidiron defender activamente os seus dereitos presentándose na candidatura da CIG ás eleccións sindicais. Decisión motivada “porque o Comité non nos daba información ningunha, nun momento laboral complicado na fábrica pola falta de carga de traballo e a aplicación de EREs”.

Logo de gañar as eleccións daquel ano cunha ampla maioría, a empresa comezou unha intensa persecución contra o persoal afín á CIG. Concretamente, Roca apuntaba que el mesmo, como cabeza da candidatura da central nacionalista, sufriu acoso e ameazas constantes, tendo que presentar até catro denuncias contra a empresa. Procesos que gañou, chegando as sentenzas condenatorias a sumar 16.000 euros en indemnizacións.

Por se non fora abondo, no ano 2015 rexistráronse varios accidentes laborais graves na planta de Betanzos. A causa das denuncias presentadas pola Sección Sindical da CIG, a Inspección de Traballou iniciou unha investigación que concluíu coa imposición dunha sanción de máis de 60.000 euros á empresa. A gravidade dos accidentes é tal que mesmo a Fiscalía iniciou actuacións pola vía do penal contra a dirección da fábrica.

“A raíz destes feitos, como a min xa non me podían ameazar máis, a empresa comezou a perseguir a outros compañeiros e finalmente en outubro despediu a tres traballadores que ían na candidatura da CIG”, matizou Sergio Roca. Despedimentos que se producen unha vez preavisada a convocatoria de eleccións pola CIG e sobre traballadores que tiñan presentado previamente denuncias contra a empresa en materia de seguridade e saúde laboral e por fraude na contratación.

Para xustificar os despedimentos, a dirección alegou os mesmos motivos nos tres casos: baixo rendemento voluntario. Unhas acusacións que o delegado da CIG rexeita: “as cartas de despedimento entregáronse a mesma hora e son as tres exactamente iguais. De feito uns parágrafos resultan contraditorios con outros e utilizan a mesma xustificación nos tres casos, cando cada un destes compañeiros está nun posto diferente”.

A protesta deste martes coincidiu coa celebrouse do primeiro dos xuízos polos despedimentos. “Pedimos a readmisión destes compañeiros. Todos os procedementos xudiciais que hai abertos contra a empresa foron motivados por traballadores afíns a CIG. Queda claro que a empresa está perseguindo ao persoal que lle resulta molesto”, concluíu.

Desmantelamento do convenio colectivo

Xunto a isto, Xabier Filgueira denunciaba que a nova dirección iniciou un proceso de desmantelamento do convenio colectivo de empresa polo que até agora se rexían as condicións do persoal de Betanzos HB, pretendendo aplicar o convenio sectorial da madeira.

“Betanzos HB empraza o persoal a negociar un convenio colectivo, dando un prazo de seis meses para pechar a negociación. En caso contrario ameaza con pasar directamente ao convenio da madeira, de condicións inferiores. Iso xa é indicador do escaso talante negociador da empresa”, criticou.