Concentración nos xulgados da Coruña en demanda da negociación da Lei de Eficiencia Organizativa

Nacional - 02 Dec 2022

Traballadores e traballadoras da xustiza desenvolveron na mañá deste venres unha concentración diante dos xulgados da Coruña en demanda dunha negociación da Lei de Eficiencia Organizativa. As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e STAJ, convocantes da protesta, non descartan a convocatoria de folga se non se atenden ás súas demandas.

Os sindicatos reclaman a negociación da Lei de Eficiencia Organizativa da Función Pública de Xustiza para garantir as condicións laborais, os centros de destino e as funcións do persoal funcionario. O secretario do sector de Xustiza da CIG, Óscar Freixeiro, explica que as organizacións sindicais levan tempo reclamándolle ao Ministerio que se convoque a Mesa Sectorial "porque s reforma afecta gravemente ás nosas condicións e previamente a iniciar o trámite parlamentar, o Ministerio tería que negociar e acordar determinadas cuestións coa representación do persoal".

Indica o anteproxecto de lei non garante os actuais centros de destino nin as retribucións e demais dereitos laborais e pode supoñer unha importante redución de postos de traballo e supresión de servizos prestados pola Administración de Xustiza.

Imposición da mobilidade discrecional

Segundo explican, este anteproxecto permite a mobilidade funcional e xeográfica do persoal e a asignación das funcións correspondentes a outros centros de traballo distintos a aquel no que estean adscritos. Neste sentido, denuncian que esta “mobilidade discrecional” pode ser utilizada para o control político da Administración de Xustiza a custo dos recortes nos dereitos do persoal funcionario de xustiza.

Na concentración deste venres denunciaron ademais que tamén existe a posibilidade de impoñer novas relacións laborais sen negociación.  Neste senso, Freixedo advertiu que a propia reforma contempla que naqueles territorios con competencias en Xustiza, como Galiza, nos que non se chegue a acordo nas RPT, estabelecerase unha oficina xudicial, unhas condicións e unhas RPT que xa están a pactar entre o Ministerio e as Autonomías na Conferencia Sectorial.

"Deste xeito, ao final o que poidamos negociar estará coartado, porque con independencia de que haxa acordo ou non entre a representación sindical e a Administración, o modelo de referencia que marca a norma pódese implantar vía decreto".

Freixedo matiza que"non nos opoñemos á modernización da administración de Xustiza, todo o contrario, hai moitas cuestións recollidas na norma que levamos moito tempo demandando para poder darlle un servizo de calidade e máis áxil á cidadanía. O problema está en que non queren negociar as condicións de traballo, especialmente no relativo á mobilidade discrecional".

Onte mesmo, engadiu, houbo reunión da Mesa en Madrid, pero a Directora Xeral rexeitou comprometerse a marcar un calendario de negociacións, polo que as mobilizacións continuarán até que haxa unha "negociación real" e non se descarta a convocatoria de folga no sector.

Carreira profesional

Por outra banda, o persoal da Administración de Xustiza demanda o desenvolvemento e retribución da Carreira Profesional, que é un dereito recoñecido na Lei Orgánica do Poder Xudicial desde 2019, pero que o Ministerio de Xustiza se nega a negociar, para recoñecer e estabelecer as súas retribucións complementarias.

Tamén se require a mellora da Promoción Interna para a recuperación do 50% das prazas das Ofertas de Emprego Público desta quenda e reclaman unha convocatoria extraordinaria engadida á convocatoria da quenda libre dos procesos de estabilización.

"Se o acceso pola quenda libre se fai polo sistema de concurso (sen oposición) tamén a Promoción Interna ten que facerse polo mesmo sistema de concurso de méritos", afirman os representantes sindicais.

Outra das reivindicacións sindicais nestas mobilizacións é a convocatoria de Concursos de Traslados con todos os postos vacantes, denunciando que moitas delas se agochan ao acceso do persoal titular ano tras ano, sen ningunha xustificación, coartando as expectativas de mobilidade do persoal.

Por último, os sindicatos do sector da Xustiza reclaman a negociación do Regulamento e Relacións de Postos de Traballo do Rexistro Civil e denuncian que o despregamento dos novos Rexistros Civís se está a se realizar de forma unilateral sen negociación colectiva, aos que se lles asignan arbitrariamente novas funcións para o persoal dos novos Rexistros Civís e das oficinas colaboradoras dos Xulgados de Paz e que o novo programa informático DICIREG aumente o volume de traballo pero o cadro de persoal non aumenta.