Concentración para esixir a readmisión dun traballador que Salutrans despediu "alegando feitos falsos"

A empresa fai o transporte sanitario hospitalario e programado do hospitais de Lugo e Monforte
Lugo - 13 Feb 2020

A CIG realizou unha concentración esta mañá diante das instalacións da empresa de ambulancias Salutrans (no Polígono Industrial das Gándaras en Lugo), en resposta ao despedimento inxusto dun traballador. Para a central sindical esta actuación empresarial constitúe un claro atentado aos dereitos laborais e sindicais do persoal, polo que na concentración se solicitou a inmediata readmisión do traballador.   

Sanitaria Lucense de Transportes SL, adxudicataria do servizo de transporte sanitario hospitalario e programado nos hospitais de Lugo e de Monforte de Lemos, despediu a finais do mes de xaneiro un traballador alegando feitos falsos, "o que claramente deixa ver que se trata dun despedimento totalmente inxustificado".

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, enmarca este feito no nos reiterados problemas que poñen as empresas do sector para garantir o cumprimento do convenio galego de ambulancias. "A pesar de que as empresas do transporte sanitario urxente e programado deberían asimilar o 100% do convenio colectivo de sector, atopámonos con continuos incumprimentos en materia de dereitos laborais e de seguridade na actividade cotiá deste persoal, ao que lle hai que engadir este tipo de actuacións empresariais, executando despedimentos inxustificados", denuncia.

Amortizar postos de traballo

A CIG entende que con este tipo de medidas, o que están facendo as empresas do sector é asumir os baixos importes cos que a Xunta dota os contratos deste servizo público (situación que non se pode desligar das ofertas á baixa coas que concorreron no anterior concurso as compañías) amortizando postos de traballo. Algo que, advirte, López, se dá "nun escenario actual de precariedade e que claramente terá a súa repercusión directa no servizo que se presta á cidadanía".

Precisamente, hai uns meses, a CIG denunciaba outros despedimentos inxusto e en represalia doutros compañeiros do servizo urxente en Sarria "que concluíron con importantes indemnizacións económicas". A estas actuacións temerarias da empresarias súmaselle outro tipo de incumprimentos dos pregos dos contratos, como as deficiencias das ambulancias nos seus accesos, que non se garante a limpeza e desinfección da uniformidade, etc.

De non producirse a readmisión do traballador, a loita contra o seu despedimento continuará tamén pola vía xudicial.