O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG bótase á rúa para esixir unhas pensións dignas

Denuncian o “exiguo” incremento do 0,25% e a pretensión de desmantelar o sistema público
Nacional - 31 Xan 2018

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG mobilizouse este mércores, con concentracións en Vigo, Lugo, Compostela, A Coruña, Pontevedra e Ferrol, en defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional. No decurso das protestas entregáronse ademais, nalgunhas oficinas do INSS, escritos dirixidos tanto á ministra de Emprego e Seguridade Social, como ao ministro de Facenda, rexeitando o “exiguo” incremento dun 0,25% na súa contía.

Os escritos presentáronse en resposta ás cartas remitidas polo Ministerio nas que se anuncia a todas e todos os pensionistas que en 2018 as súas pensións subirán un 0,25%. Nelas denúnciase que, deste xeito, se está contribuíndo “inxustamente” ao empobrecemento do colectivo de pensionistas en Galiza “dado que o exiguo incremento que nos anuncia se afasta desproporcionadamente do IPC previsto polo seu propio Goberno para o 2018 (1,5%)”.

Xunto a isto denúnciase que con esta “revalorización”, ao remate do presente ano “seremos un 1,25% máis pobres, automaticamente”.

Ademais trasládase aos titulares de Emprego e seguridade Social e de Facenda que con estas reducións das pensións non só se empobrece ás persoas pensionistas, senón tamén “a outros membros do meu ámbito familiar que, por non teren ingresos de seu, necesitan das miñas achegas económicas para poderen formarse ou mesmo subsistir diariamente. E, indirectamente, colaboran na depauperación xeral da economía, ao limitar a miña capacidade de consumo”.

Os escritos rematan lembrando outras medidas que tamén inciden nese empobrecemento de xubilados/as e pensionistas, como os repagamentos farmacéuticos ou os recortes en prestacións sociais públicas como a sanidade ou a atención á dependencia.

Mentiras sobre as pensións

Diante desta situación, o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG chama a non deixarse enganar polas “mentiras disfrazadas de rigorosas análises feitas por supostos expertos” que poñen en cuestión a viabilidade do sistema público de pensións nun futuro próximo e mesmo a capacidade para pagar ás/aos pensionistas actuais nos próximos anos ou as pagas extras.

Favorecer os plans privados

Advirten de que o que se pretende, unha vez máis, é xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións e favorecer os plans privados dos que se enriquecen as grandes empresas e bancos que as xestionan.

Lembran que nos últimos anos, coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, “pasamos por que en varios exercicios non se revisara o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación, ata que en 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida”.

Denuncian que esas reformas aprobadas polos gobernos alternos de PSOE e PP, complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación.

Alertan de que, como resultado, na actualidade temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas. “Preto dun 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións na Galiza estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español”.

As mulleres, as máis prexudicadas

Xunto a isto subliñan ademais que, como noutros ámbitos, tamén no caso das pensións as mulleres son as máis prexudicadas, por teren unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto ás altas taxas de feminización das pensións non contributivas, fai que “1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza”.

Roubo a emigrantes retornados/as

A isto engaden o “roubo” que desde o Estado se perpetra ás pensións dos/as emigrantes retornados/as, o estabelecemento polo Partido Popular de repagamentos na sanidade, a retirada do financiamento público de medicamentos moi usados, ou o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais, afectándonos especialmente a pensionistas e persoas con enfermidades crónicas, converténdose nun novo imposto á enfermidade.

Chamamento á mobilización

Por iso chaman a mobilizarse ante as ameazas constantes e a exixir cambios na actual situación. “É necesario que nos mobilicemos para que se derroguen todas estas políticas e reformas, para defender o sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e o dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional”.