Concentracións nas Inspeccións de Traballo para demandar máis persoal e medios que eviten o colapso do organismo

O 30 de marzo haberá folga se o Goberno español continúa sen pór en marcha as medidas acordadas
Nacional - 22 Mar 2022

Traballadores e traballadoras da Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) concentráronse este martes diante de todos os edificios deste organismo para demandar un reforzo de persoal, medios adecuados, recursos técnicos e un recoñecemento "máis alá dos discursos baleiros". Con estas mobilizacións, que preceden á xornada de folga convocada para o próximo 30 de marzo, o persoal quere protestar polos incumprimentos do Ministerio de Traballo e Economía Social e do Goberno español que non reforzaron aínda o sistema, malia o acordo asinado o pasado mes de xullo coas organizacións sindicais.

Denuncian que as carencias que se sofren na Inspección "son graves, numerosas e mantéñense desde hai moito tempo", mais até agora non se puxeron en marcha as solucións precisas polo que, advertiuse durante as concentracións, "o servizo público que debe garantirse dende esta institución pode entrar en claves de fracaso".

O representante da CIG na ITSS, José Juan Fernández, indicou que en Galiza hai arredor de 235 traballadores e traballadoras distribuídas nas catro inspeccións provinciais, mais para poder afrontar de maneira eficiente toda a carga de traballo que existe e dar o mellor servizo “sería necesario, como mínimo, un incremento de persoal do 20%”.

E engade que as deficiencias de persoal danse en toda as categorías (persoal técnico e administrativo, de subinspección e inspección), pero houbo unha forte “descapitalización” de nos servizos auxiliares, administrativos e de xestión “e agora atopámonos con que os e as subinspectoras e inspectoras teñen que deixar as súas tarefas propias para realizar traballos de administración”, co que isto supón de atraso na resolución dos expedientes.

Para corrixir estas deficiencias e evitar "o desastre", nas concentracións instouse o Goberno español a cumprir canto antes os puntos alcanzados nese acordo, como o primeiro paso para avanzar na modernización e fortalecer a Inspección. Neste senso, Fernández subliña que se dan as dúas condicións para a posta en marcha das medidas pactadas: aprobación do plan estratéxico da Inspección 2021-2023 e financiamento no orzamento do organismo, pero o Ministerio de Facenda mantén bloqueado o acordo.

“A vicepresidenta e ministra de Traballo comprometeu o seu total apoio político ás nosas demandas, e o que pedimos con estas concentracións é que se substancie na vontade de Facenda de dar o visto bo a un acordo negociado e asinado xa en xullo do pasado ano”, apunta Fernández.

Neste senso, explica que as reivindicacións de melloras para a ITSS comezaron xa en 2015 cando se modificou a normativa que rexe esta administración, que daba un prazo de seis meses para negociar unha nova Relación de Postos de Traballo. “Pero estamos en 2022 e seguimos sen RPT” e arrastrando un grave déficit de persoal en todas as estruturas, malia o incremento de labores que ten que realizar o persoal e o papel central da ITSS no mundo laboral.

Por iso, as organizacións acusan ao Goberno de falta de vontade política para reforzar a ITSS e animan a todos os traballadores e traballadoras a secundar a xornada de folga convocada para o vindeiro 30 de marzo.