Concentracións nas oficinas do INSS para exixir a aprobación inmediata da suba da pensións

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG reclama a revalorización por lei das pensións “para evitar que se usen como arma política”
Nacional - 02 Feb 2026

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentrouse esta mañá diante das oficinas do INSS das sete cidades para exixir a aprobación e aplicación inmediata da suba das pensións prevista para este 2026 e ao tempo demandar ao revalorización automática por lei conforme ao IPC real, evitando así que o incremento das contías dependa dunha votación no Congreso.

 "Xa abonda con subas insuficientes baseadas no IPC medio. Porque mentres a revalorización non sexa automática e blindada legalmente, as pensións seguirán sendo moeda de cambio entre o PP, o PSOE e outras forzas políticas. Seguiremos sendo vítimas dun xogo de trileiros no que sempre perdemos", denunciou o Colectivo durante as protestas.

Criticaron que as pensións se teñan convertido "nun instrumento máis da confrontación política" que leva a resultados "como a votación da pasada semana no Congreso, que tombou unha suba que xa era claramente insuficiente, pero que agora nin sequera se vai aplicar".

Por iso, incidiron na necesidade de que se estabeleza por lei a revalorización automática para impedir "que se mercadee co nosos sustento" e que esta sega tomando como referencia o IPC real "e non segundo índices que nos empobrecen ás persoas xubiladas".

Así mesmo, reivindicaron a derrogación das "inxustas, lesivas e regresivas" reformas das pensións, comezando pola do ano 2011, que deterioran o poder adquisitivo, debilitan o sistema público e dificultan o acceso a unha pensión digna.

Neste senso tamén reclamaron o estabelecemento dunha pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional, tal como recolle a Carta Social Europea, é dicir na contía do 60% do salario medio estatal. "Non aceptamos que se utilicen as nosas pensións como arma política. Dicímolo alto e claro: non imos calar, non imos resignarnos, non imos tolerar que se xogue cos nosos dereitos", concluíron.