Concentracións o mércores 31 de xaneiro por unas pensións dignas

Convocadas polo colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG
Nacional - 29 Xan 2018

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG ten convocada unha xornada de mobilizacións para este mércores, 31 de xaneiro, en defensa do sistema público das pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional.

Lugares e horas das concentracións:

- Vigo:  11h, Farola de Urzáiz.      

- Lugo: 12h, Subdelegación do Goberno.

- Compostela: 11h, Delegación do INSS.

- A Coruña:  12h, Delegación do Goberno.

- Pontevedra:  12h, Praza da Peregrina.

- Ferrol: 12h, Delegación do INSS.

Duro recorte das pensións

Lembran dende o colectivo que coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, durante varios exercicios non se revisou o importe nominal das pensións, ou fíxose por baixo da inflación, até "que en 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC como referente, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir até nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida".

Estas reformas complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación. "Como resultado, na actualidade temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas", salientan. Preto dun 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións na Galiza estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.

Ademais, cómpre lembrar que, como noutros ámbitos, tamén no caso das pensións as mulleres son as máis prexudicadas, por teren unha unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto ás altas taxas de feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.

Dende o colectivo da CIG chaman á mobilización e á participación activa das persoas pensionistas e xubiladas para esixir a derrogación de todas estas reformas e un cambio nas políticas que garantan a viabilidade do sistema público de pensións.