Concentracións simultáneas nos campus galegos para frear a creación da universidade privada

Demandan que se pare a tramitación do proxecto de lei que daría luz verde á proposta de ABANCA

Nacional -

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, da que a CIG fai parte, levou a cabo esta mañá o primeiro dos seus actos reivindicativos desde a súa constitución con concentracións fronte a edificios emblemáticos das tres universidades galegas contra a privatización da universidade e pola defensa da equidade social nos estudos superiores e contra a privatización da universidade.

 Miles de persoas concentráronse esta mañá nos sete campus do País para amosar o seu rexeitamento á intención da entidade financeira Abanca de crear a primeira universidade privada en Galiza e para denunciar que “primeiro regaláronse as caixas de aforros e agora o presidente Feijóo pretende agasallarlle ao presidente do banco venezolano, Juan Carlos Escotet, os estudos superiores galegos en detrimento da igualdade de oportunidades e da equidade social. Así mesmo, mentres se lle negan recursos, titulacións e reposición de efectivos á universidade pública se quere dar carta branca a unha universidade que só poderán pagar uns poucos”.

No manifesto da Plataforma, que se pode consultar integramente no blogue da mesma aparece tamén a diferenza de estándares de calidade que teñen as institucións académicas públicas e privadas.

Por iso denúnciase que “a Xunta de Galiza, en vez de posibilitar a oferta de novas titulacións nas Universidades públicas, permítelle ofrecelas á privada, ou disfrazar con outro nome titulacións xa impartidas actualmente. Unha administración autonómica non pode deixar de protexer o sistema público de educación, permitindo unha universidade privada que carece dun mínimo índice de calidade, o que vén significar un castigo a un sistema público que si acreditala posuílo. Neste senso, o establecemento dunha universidade destas características non garante os niveis de calidade na formación e capacitación do profesorado, cuestións permanentemente revisadas no Sistema Universitario Galego”.

Novas adhesións

A plataforma, composta inicialmente polas CIG, CCOO e UGT e polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes continúa medrando coa adhesión doutros grupos sociais e políticos. Nos últimos días amosaron a súa intención de adherirse Traballadores Galegos da Universidade (TGU), A Trabe Colectivo Nacionalista do PAS da USC, CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Grupo Común da Esquerda, Galiza Nova e BRIGA. No blogue da Plataforma segue aberta a opción de realizar esta adhesión tamén a título individual.

 

Volver