Concéntranse diante da estación de autobuses de Riberia contra o acoso laboral en Ferrín

A Unión Local da CIG das Rías exixe que se cumpra a legalidade e se executen as sentenzas
Ribeira - 19 Set 2019

Traballadores/as e representantes da CIG concentráronse esta mañá diante da estación de autobuses de Ribeira para denunciar o acoso laboral que padecen as traballadoras e traballadores do Grupo Ferrín e para demandar da Xunta de Galiza que se teñan en conta estas actuacións cando se vaian renovar as concesións das liñas de transporte. Antes de se iniciar a mobilización celebrouse unha asemblea na que xunto con representantes da CIG da Unión Local das Rías participou o propio secretario xeral, Paulo Carril.

Segundo explica a representante sindical Anxela Martínez Parada a situación non vén de agora. “levamos 5 anos con continuas demandas, denuncias perante a Inspección, acordos incumpridos e mesmo sentenzas xudiciais que houbo que pedir que se executaran”.

Lembra que tanto o xulgado como a Inspección chegaron a sancionar a Ferrín con multas e coa obriga de compensar economicamente ao persoal que a obrigaron a embargar bens para facerlle fronte ás contías mais que, a pesar diso, “a empresa continuou vulnerando a legalidade”.

Tal é así que, segundo explica Martínez Parada, a CIG tivo que demandar a execución da sentenza que obrigaba á empresa a readmitir a un traballador ao que despediu o mesmo día que deu de alta. “Finalmente, o pasado día 11 foi reincorporado, pero a día de hoxe -19 de setembro- non tivo nin un só día de descanso malia ter feito xornadas de até 14 horas en transporte escolar pola semana, e en transporte discrecional en fin de semana”, asegura.

Por iso a CIG denuncia que Ferrín non respecta os descansos entre xornada, nin sequera as xornadas mínimas do convenio para casos excepcionais”.

Con todo, a representante da CIG sinala que agora mesmo hai unha vía de negociación aberta pero que se mantivo a mobilización convocada para hoxe porque “non deu pasos para cumprir o convenio ou os acordos xudiciais”. De feito apunta que este mesmo luns houbo unha xuntanza pero que “até o de agora non fixeron nada”.

Ánxela Martínez subliña que á empresa se lle fixo fincapé en que “nos non queremos seguir coas mobilizacións, nin ter que remitir denuncias á inspección, pero para iso ten que cumprir co convenio e cos acordos xudiciais”.

Situación xeneralizada

Con todo, a representante da CIG asegura que este non é un caso illado. “Hai sentenzas doutros traballadores que prefiren quedar agora nun segundo plano por medo ás represalias”.

A CIG xa presentou unha denuncia penal a finais de xullo e ten previsto remitir un escrito á Xunta de Galiza para demandar que vixíe a quen lle están dando as concesións e que teña estas circunstancias en conta á hora de valorar as ofertas nas próximas concesións do servizo de transporte de viaxeiras e viaxeiros.