Condenan o Concello de Mugardos por vulnerar o dereito á folga de dúas traballadoras o 8 de Marzo

A sentenza obriga a Administración local a indemnizar as empregadas

Mugardos -

O Xulgado do Social número 2 Ferrol vén de condenar o Concello de Mugardos por vulnerar os dereitos fundamentais de dúas traballadoras durante a folga de mulleres do pasado 8 de Marzo. O xulgado recoñece que Administración vulnerou o dereito á folga destas empregadas ao obrigalas a acudir aos postos de traballo malia non estar incluídas nos servizos mínimos e condena o Concello a abonarlle unha indemnización a cada unha de mil euros por danos e prexuízos.

Dende a CIG-Administración de Ferrol reciben con satisfacción as sentenzas, aínda que lamentan que non se condene de maneira subsidiaria a alcaldesa, tal e como a central solicitaba na súa demanda, ao tratarse "dunha decisión propia que a rexedora converteu en algo persoal". De feito, nas resolucións sublíñase que foi un acto totalmente arbitrario e feito a capricho, xa que, ademais de saltarse o acordo de servizos mínimos pactado co comité, non afectaba a servizos esenciais.  

Carmem Viso, secretaria comarcal da Federación de Administración, lembra que tamén se pedía condenar o Concello por vulnerar o dereito da central sindical como entidade xurídica convocante da folga de mulleres de 24 horas do 8 de Marzo. Porén, esta solicitude que non foi estimada polo que a CIG  estuda agora presentar recurso.

En calquera caso, Viso recalca que o verdadeiramente importante destas sentenzas, con independencia da contía da indemnización ás traballadoras, "é que se recoñeza que houbo unha violación do dereito fundamental á folga destas compañeiras e que, por capricho da alcaldesa, se ignoraron os servizos mínimos negociados coa representación social  para obrigalas a acudir aos seus postos".

Volver