Condenan a CCOO, UGT, Prosegur e Securitas por dous acordos para anular a suba do salario mínimo

A decisión da Audiencia Nacional ratifica o denunciado pola CIG, cuxo conflito colectivo está pendente
Nacional - 26 Set 2019

A Audiencia Nacional vén de condenar os sindicatos CCOO, UGT e USO e as empresas de seguridade Prosegur e Securitas por dous acordos para anular a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) mediante a absorción de conceptos extrasalariais como os pluses de transporte e vestiario. A decisión xudicial ratifica o denunciado recentemente pola CIG, cuxo conflito colectivo contra unha das filiais de Prosegur que opera en Vigo está aínda pendente de xuízo.

O pasado mes de xuño a CIG presentou nos xulgados vigueses un conflito colectivo contra o acordo asinado en ESC Servicios Generales, empresa pertencente ao grupo Prosegur,  mediante o que se neutralizaba o incremento do SMI a 900 euros aprobado polo Goberno central.

Con posterioridade, e unha vez que o BOE recolleu o acordo parcial da comisión negociadora do convenio estatal (co apoio de CCOO, UGT e USO), a central denunciaba publicamente que este pacto afectaría preto de 8000 traballadores/as de todo o Estado (3800 de ESC e 4000 de Servicios Securitas). Os servizos xurídicos da CIG tamén estaban pendentes de presentar o mesmo conflito colectivo contra esta compañía, do grupo Securitas Seguridad España.

Daquela, dende a CIG explicaran que estas compañías caracterízábanse por contar cunhas condicións de traballo moi precarias, con soldos que non superan o salario mínimo, polo que a última subida aprobada do SMI supuxo un incremento moi importante nas nóminas do persoal.

Como consecuencia, as seccións sindicais da CIG en ESC e Servicios Securitas solicitáranlle ás empresas que a eses 900 euros se lles incrementaran os pluses de transporte e vestiario, xa que se trata de conceptos extrasalariais, polo que o soldo mensual pasaría a 952 euros. Ámbalas dúas compañías fixeron caso omiso da solicitude. Agora, tras unha denuncia da CSIF, a Audiencia Nacional condena tanto a ESC como a Servicios Securitas, empresa na que tamén se asinou un convenio colectivo estatal (co apoio de CCOO, UGT e USO) que anula o aumento do SMI.

“Exercicio de cinismo”

Dende a CIG lembran que tanto a UGT como CCOO teñen asinado distintos documentos nos que aceptaban as teses que defende a central a respecto desta cuestión, como o aprobado recentemente no Consello Galego de Relacións Laborais sobre a aplicación do salario mínimo.

Máis grave aínda consideran o “exercicio de cinismo” de CCOO, xa que a nivel estatal teñen anunciado a “bombo e platillo” nos medios de comunicación unha campaña sobre o SMI co lema 'Que no te la jueguen', coa que denuncian que as empresas pretenden absorber conceptos que non entran dentro do soldo. Polo tanto, dende a pregúntanse se esta é a forma que teñen os sindicatos estatais de loitar contra a precariedade e o empobrecemento laboral, “roubándolle máis de 50 euros do salario mensual a milleiros de traballadores/as”.

Ao mesmo temo, sinalan que outro exemplo da incoherencia destas centrais coas súas propias reivindicacións foi a aprobación coa súa sinatura do IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva -no que se establecía un salario mínimo de convenio de 1000 euros-, o que motivou que desenvolveran campañas baixo o lema 'Ponte a 1000'.

“Na práctica, non só non nos puxeron o salario a 1000 euros mensuais, senón que no caso de ESC baixárono argumentando cuestións como <<conxugar competitividade e emprego>>, ademais de apelar <<ao esforzo das partes negociadoras>>; non entendemos a que esforzo se refiren, como non sexa ao de manter os salarios de miseria no conxunto da clase traballadora”.