Condenan a Depósitos Coballes do Rosal por vulnerar o dereito de liberdade sindical dun delegado da CIG

O Xulgado do Social de Vigo, que considera probado o clima de acoso e represión existente, fixa unha indemnización de 3000 euros
O Rosal - 21 Abr 2023

O Xulgado do Social número 5 de Vigo vén de condenar a Depósitos Coballes do Rosal por un delito de vulneración da liberdade sindical dun delegado da CIG, que exerce na actualidade tamén como presidente do comité de empresa. Na sentenza considérase probado o clima de acoso e represión existente no centro de traballo, que mesmo motivou unha campaña de mobilizacións da central, e fíxase unha indemnización de 3000 euros para o afectado.

O xuíz resolveu deste xeito a demanda de tutela de dereito fundamental presentada polo traballador a finais do ano pasado tras tempo aturando o acoso laboral e a persecución por parte da empresa a raíz de saír elixido membro do comité e delegado de prevención de riscos laborais en setembro de 2020. Canda el, outros membros da candidatura da CIG ás eleccións sindicais foron sancionados e dous incluso despedidos, unhas rescisións de contrato que foron declaradas improcedentes pola xustiza. 

Outros membros da candidatura da CIG foron sancionados e dous incluso despedidos, unhas rescisións de contrato que foron declaradas improcedentes pola xustiza

Menos de dous meses despois de que o traballador asumise responsabilidades sindicais a dirección de Depósitos Coballes inicia procedementos sancionadores contra el, que se suceden até que en xullo de 2020 entrégalle un escrito de advertencia. En xaneiro deste ano remítelle outro novo escrito, despois de que a CIG tivese denunciado na Inspección de Traballo distintos incumprimentos en materia de prevención de riscos que foron atendidos pola autoridade laboral, requiríndolle á empresa que os corrixise.

Segundo denuncian dende a CIG, malia os intentos da central de reconducir a situación, a empresa non cesou na súa pretensión de eliminar calquera actividade sindical dentro do centro de traballo, “provocando co seu acoso que varias persoas que formaban parte do comité abandonaran voluntariamente a representación da CIG, e incluso os seus postos de traballo, por non soportar a presión da empresa, quedando reducida a representación da central a dous representantes activos dos catro que foran elixidos”.

Sancións inxustificadas

Estes dous representantes continúan a ser represaliados a día de hoxe, recibindo amoestacións inxustificadas baseadas na propia actividade sindical e sendo publicamente expostos pola dirección. “Por iso o presidente do comité tivo que defenderse no xulgado da escalada de sancións que estaba a recibir, coa que buscan provocar o despido disciplinario ou o abandono voluntario”.

Mais nesta ocasión a sentenza, contra a que cabe recurso diante do TSXG, foi quen de “pararlle os pés” a unha patronal “que pretende desfacerse daquelas persoas que o único que fan é reclamar unhas condicións de traballo dignas, con reivindicacións tan lexítimas como a defensa da saúde laboral e o recoñecemento das categorías profesionais”.