Condenan a Mercadona por vulnerar a liberdade sindical dunha traballadora que se presentou na candidatura da CIG

A sentenza declara a “nulidade radical da conduta da empresa” e ordena o pagamento da prima de 3.000 euros que denegou a empregada como represalia

A C -

ACTUALIZACIÓN: ACCEDE Á ENTREVISTA A MARÍA LÓPEZ EN 2016

O Xulgado do Social número 3 da Coruña vén de ditar sentenza pola que condena a Mercadona a abonar a prima por obxectivos de 3.175 euros que a empresa denegou a unha traballadora como represalia por integrar a candidatura da CIG para o Comité provincial. Así mesmo, o xulgado declara a “nulidade radical” da conduta vulneradora da liberdade sindical da empregada e ordena o “cese inmediato” do comportamento antisindical da empresa.

A resolución xudicial foi dada a coñecer esta mañá polo responsábel de comercio da CIG-Servizos na Coruña, Roberto Pérez, e a traballadora afectada, María López, quen denunciou publicamente a situación de persecución, acoso e ameazas ao que se ve sometida dende que o ano pasado formou parte da candidatura da CIG ás eleccións para o Comité Provincial.  Aínda que a candidatura da central nacionalista finalmente foi desmontada por presións da empresa aos/ás integrantes da mesma (motivo polo que a CIG impugnou o proceso electoral), Mercadona iniciou entón represalias contra a candidata da central sindical.

Esta situación de persecución, explicaron, concretouse a finais do pasado ano durante a entrevista persoal de avaliación que a empresa fai a cada traballador para determinar se percibirá a prima anual por obxectivos cumpridos. Cómpre subliñar que o artigo 20 do Convenio Colectivo de Mercadona regula a prima xeral por obxectivos que se abonará aos traballadores/as se se cumpren os obxectivos previstos pola empresa e o/a empregado/a aproba a súa entrevista de valoración persoal anual.

Dende a súa entrada en Mercadona no ano 2006, a traballadora afectada foi considerada merecedora desta gratificación, que neste caso concreto ascende a máis de 3.000 euros, e recoñecida polos seus superiores como unha empregada exemplar. Porén, durante o decurso da entrevista celebrada en decembro de 2010, o coordinador do seu centro de traballo acusouna de “danar a imaxe de Mercadona” e reprochoulle “apuntarse” á CIG, indicándolle que “ti sabes que a CIG está en contra de Mercadona”.  Paradoxalmente, na mesma entrevista dito coordinador recoñecía a valía da traballadora, puntualizando que desenvolvera o seu labor mellor incluso que o ano anterior.

“Despois de seis anos de destacar o meu traballo non me deron a prima por presentarme ás eleccións sindicais pola CIG”, denunciaba incrédula María López na rolda de prensa. Ante esta inxusta situación, a traballadora afectada acordou recorrer á vía xudicial e presentar demanda de tutela de dereitos fundamentais por vulneración de liberdade sindical.

Agora o xulgado, subliñou Roberto Pérez, considera acreditado que a denegación da prima por obxectivos veu motivada pola presentación da afectada na candidatura da CIG-Servizos e que houbo vulneración do dereito de liberdade sindical. O fallo declara a “nulidade radical da conduta da empresa Mercadona vulneradora da liberdade sindical” e ordena o “cese inmediato do comportamento antisindical recollido no relato dos feitos probados”, obrigando a cadea de distribución á “abonar á demandante a prima mencionada por importe de 3.175,40 euros”.

Para Roberto Pérez “con esta sentenza demóstrase cales son as actitudes de Mercadona en canto ás relacións laborais, porque, por desgraza, este non é un feito illado”.

Cambio de posto de traballo

Aínda que recibiu con alivio a sentenza, María López lamentou o ambiente tenso e asfixiante no que agora ten que desenvolver o seu traballo. “Tiven que padecer ameazas, intimidacións, coaccións, acusáronme de non atender ben aos clientes, téñenme hipervixiada..., e como se me vai resarcir polos danos morais que me causaron?”, cuestiona. Ademais, dende hai mes e medio, López foi trasladada do seu posto na carnicería a unha da caixas do establecemento, “en concreto a peor caixa de toda a tenda, a que está máis illada”, matiza. Esta situación xa foi denunciada e está pendente de resolución xudicial.

Volver