Condenan a residencia de Sarria a abonar 1520€ a un traballador polo impago do complemento de IT

O Concello decidiu de maneira unilateral recortar este dereito en xuño do ano 2020
Sarria - 20 Set 2022

O Xulgado do Social Nº4 de Lugo vén de emitir unha sentenza condenatoria contra a Residencia Nosa Señora do Carme de Sarria e contra o Concello de Sarria, na que condena o centro residencial a pagarlle a un traballador a cantidade de 1520,27€ en concepto de complemento de Incapacidade Temporal, correspondentes ao prazo entre xaneiro e outubro de 2021.

En xuño do ano 2020, de forma unilateral e en plena pandemia, o concelleiro responsábel da residencia, Benjamín Escontrela, tomou a decisión de non abonar os complementos en caso de Incapacidade Temporal que o persoal levaba máis de 10 anos cobrando. Esta decisión foi posteriormente recorrida polo comité de empresa, ditando sentenza o Tribunal Superior de Xustiza de Galia en outubro de 2021 na que se recoñecía o dereito dos traballadores e traballadoras da Residencia de Sarria a percibir o complemento en situación de IT.

Mais unha vez recoñecido dito dereito, explica o secretario de Organización da CIG de Lugo, Lois Neto, o Concello de Sarria non abonou as cantidades adebedadas de forma ilegal aos traballadores e ás traballadoras que estiveran en situación de IT durante o período transcorrido entre a decisión do concelleiro e a sentenza do TSXG. Ao contrario, as persoas afectadas víronse na obriga de ter que acudir novamente ao Xulgado do Social para poder cobrar esas cantidades.

A CIG xa denunciou en varias ocasións as políticas de recortes e discriminación que o Concello de Sarria aplica sobre o persoal da residencia, "políticas ademais que foron incrementadas e alentadas durante a presente lexislatura polo Goberno municipal", critica Neto. A CIG lamenta que unha Administración Pública como é o Concello de Sarria penalice o traballo do persoal dunha residencia con recortes económicos, como neste caso o impago do complemento por IT.