Condenan a Tarlogic a readmitir un traballador e pagarlle unha indemnización por vulnerar os seus dereitos fundamentais

A empresa botouno ao coñecer que estaba promovendo eleccións sindicais e unha candidatura da CIG

Santiago -

O xulgado do Social nº 3 de Santiago vén de declarar a nulidade do despedimento dun traballador ao que Tarlogic Security (empresa tecnolóxica situada en Teo) cesou xunto con dous compañeiros, logo de coñecer que estaban promovendo eleccións sindicais e de que pretendían presentar unha candidatura da CIG.

A sentenza condena a empresa a readmitir o demandante no seu posto de traballo nas mesmas condicións que tiña, a abonarlle os salarios de deixados de percibir dende a data do despedimento (novembro de 2020), así como a pagarlle unha indemnización polos danos morais causados.

Considérase probado que a motivación da empresa para cesar o traballador non foi outra que unha represalia por participar activamente na promoción das eleccións sindicais e na presentación dunha candidatura da CIG. A este respecto cómpre subliñar que Tarlogic comunicou o despedimento aos tres traballadores dous días despois de celebrarse unha asemblea aberta coa CIG para preparar o proceso.

Vulneración da liberdade sindical

Que a dirección era consciente de que estaba vulnerando os dereitos fundamentais dos traballadores, en concreto o dereito á liberdade sindical, evidénciao o feito de que recoñeceu a improcedencia do despedimento e lle ofreceu a indemnización correspondente, nun claro intento de acalar con cartos calquera reclamación por parte do afectado.

Tarlogic pretendía xustificar a medida cunha escusa de manual para estes casos: a baixada voluntaria do rendemento. Unha causa que a sentenza conclúe que non está acredita, chamando mesmo a atención sobre o significativo que resulta que o despedimento "suceda de forma inmediata posterior á finalización do período de proba, unha vez superado este".

Neste contexto de persecución, finalmente celebráronse eleccións sindicais na empresa, nas que saiu elixido o candidato da UGT que, curiosamente,  non era partidario da celebración de eleccións sindicais.

A CIG-Banca agarda que a empresa tome boa nota da sentenza, abandone calquera intento de represión contra o persoal e permita aos seus traballadores e traballadoras exercer en plena liberdade o seu dereito fundamental a elixir representantes e a organizarse arredor da central sindical que elixan.

Volver