Condenan o Concello de Verín a readmitir a dous auxiliares da Policía local

Os Xulgados do Social declararon os axentes persoal fixo e descontinuo
Verín - 07 Feb 2020

O Concello de Verín vén de ser condenado polo Xulgados do Social número 3 e 2 de Ourense a readmitir a dous auxiliares da Policía local que eran contratados cada ano durante o verán como persoal temporal. A decisión xudicial declara os axentes persoal fixo da RTP municipal e descontinuo respectivamente, con dereito a traballar catro meses cada ano.

O Xulgados ourensáns aplican deste xeito a doutrina do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza relativa á imposición da sanción de “fixeza” ás entidades públicas que abusen da temporalidade. 

Os Xulgados aplicaron a doutrina do TSXG que sanciona as entidades públicas que abusan da temporalidade

Dende a CIG-Verín explican que até o de agora esta “novidosa” doutrina xudicial tiña sido aplicada a casos moi específicos, a maioría deles de traballadores/as de Grupos de Emerxencias Supramunicipais como os das localidades ourensáns da Gudiña e do Barco ou na pontevedresa da Guarda.

“Mais neste caso os Xulgados aceptaron estender os efectos da sanción de fixeza a outros colectivos en situación de precariedade e abuso da temporalidade como os auxiliares de Policía local”, indican.

Esta decisión abre a porta a que ducias de auxiliares da Policía local de diversos concellos da provincia de Ourense poidan formular a mesma reclamación “para tornaren a súa relación laboral a fixa sen necesidade de superar un segundo proceso selectivo ou oposición, ao serlles hábil o proceso selectivo superado nas contratacións temporais, e con obriga municipal de chamalos cada ano a traballar durante o período estival”.

Finalmente, dende a central agardan que tanto a concelleira de Persoal de Verín como o propio alcalde “tomen nota, impidan o abuso da temporalidade en lugar de promovelo e cumpran as sentenzas de xeito voluntario e non nos obriguen, como veñen facendo nos últimos tempos, a reclamar a execución forzosa das mesmas porque o progresismo verbal hai que acreditalo con feitos”.