Condenan o Concello de Verín a recoñecer a antigüidade de dous empregados da depuradora

Dende a CIG sinalan que hai máis de 70 empregados/as doutros servizos nas mesmas condicións
Verín - 18 Feb 2020

Dous traballadores subrogados polo Concello de Verín da antiga empresa adxudicataria da depuradora de augas municipal veñen de obter dúas sentenzas favorábeis dos Xulgados do Social número 1 e 2 de Ourense que lles recoñecen o dereito a percibir o complemento salarial de antigüidade, computando os anos de servizo prestados antes da subrogación.

Dende a CIG-Verín sinalan que a Concellaría de Persoal “suma e segue na súa actuación de aparentar, ficar ben e non gastar nada; primeiro decide a subrogación dos traballadores, cuestión coa que estamos de acordo, mais, unha vez subrogados, incumpre todas as normas derivadas destes procesos”. 

O Goberno local non negociara as subrogacións coas centrais 

En concreto, denuncian que non se negociaron as subrogacións coas centrais sindicais do Concello, cuestión que é preceptiva segundo o disposto no artigo 44 do ET. Ademais, con esta decisión crea dúas clases de traballadores/as, incompatíbeis co principio de igualdade: os do Concello e os subrogados/as.

Unha vez establecida a discriminación, imponlles aos traballadores/as subrogados/as unhas condicións de traballo inferiores ás que teñen recoñecidas os empregados/as do Concello “para abaratar o seu custe”. Xa que, por exemplo, non lles recoñecen nin a mesma antigüidade nin o mesmo soldo que teñen os traballadores/as municipais.

Agora os Xulgados do Social de Ourense veñen de condenar o Concello de Verín a pagar a antigüidade aos traballadores/as subrogados/as, establecida nos convenios colectivos de orixe, dado que o Concello non negociou coas centrais sindicais do ente local a integración destes/as traballadores/as no convenio do Concello de Verín.

A punta do iceberg

“Saíulles o tiro pola culata, xa que pretendían privar os subrogados/as do complemento de antigüidade previsto no convenio non negociando coas centrais sindicais, e agora son condenados, por non negociar, a pagar a antigüidade polos convenios de orixe”.

Dende a CIG-Verín sosteñen que “isto é só a punta do iceberg”, porque hai máis de 70 traballadores/as subrogados/as dos servizos de axuda no fogar e recollida do lixo que está nas mesmas condicións. “Alguén neste Concello tería que deixar de vender fume e poñerse a planificar e dignificar as relacións laborais”, rematan.