O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de condenar o Sergas por vulnerar os dereitos fundamentais no que respecta á integridade física e moral dun traballador da área sanitaria de Vigo que foi vítima de acoso laboral por parte da dirección de Recursos Humanos. A sentenza conclúe que o departamento autonómico incumpriu as obrigas legais e regulamentarias en materia de prevención de riscos e fixa unha indemnización de 38.497,80 euros para o afectado.
A Sala do Social do TSXG sinala que a vulneración de dereitos fundamentais ten que ver concretamente coa prevención de riscos psicosociais dun traballador que comezou a traballar na área de Vigo en 2019 como persoal fixo na categoría do Grupo de Xestión e que denunciou acoso laboral desde 2020 contra varios dos seus superiores.
As hostilidades cara a el consistían en comentarios despectivos, ambigüidade na asignación das súas tarefas e falta dun espazo de traballo definido, situación que derivou en modificacións e redefinicións constantes das súas funcións
Tal e como explican dende a CIG-Saúde, o afectado traballaba media mañá na Dirección de Atención Primaria e outra media na de Recursos Humanos, “sendo nesta última dirección na que comezaron as hostilidades cara a el, en forma de comentarios despectivos, ambigüidade na asignación das súas tarefas e falta dun espazo de traballo definido”. A situación derivou posteriormente nun escenario de modificacións e redefinicións constantes das súas funcións.
Pouco despois, a Dirección de Recursos Humanos decidiu non permitirlle acceder ás aplicacións necesarias para que puidese desenvolver o seu labor, chegando incluso a negarlle a información. “Como consecuencia da imposibilidade de facer as súas tarefas, varios profesionais sanitarios de Atención Primaria non se deron de alta nos sistemas informáticos, incidindo no plano asistencial, non podendo atender pacientes ao non estarlle permitido acceder ás listaxes de traballo, o que provocou trastornos nos centros de saúde”.
A pesar de que durante meses mantivéronse reunións coa Xerencia e a Dirección de Recursos Humanos a instancias do propio traballador -co apoio da CIG, central sindical á que está afiliado- “esta situación de permanente hostilidade vertical nunca foi resolta”. O que levou o afectado a ter que solicitar asistencia sanitaria e manterse de baixa médica en reiteradas ocasións.
Procedemento interno de acoso
Ao non terse resolto a situación de vulnerabilidade na que se atopaba o traballador e a persistencia no conflito, en xullo de 2023 a delegada de prevención da CIG solicitou a apertura do procedemento interno de acoso laboral. A pesar da cuantiosa información coa que se documentou (máis de 200 páxinas con probas), a comisión que investigou a situación concluíu que non quedaba probada a situación de acoso, mais instaba a adoptar medidas correctoras para “mellorar o clima laboral”.
O procedemento tramitouno a propia Dirección de Recursos Humanos do Sergas en Vigo, a pesar de que as persoas implicadas e denunciadas se atopaban dentro da estrutura deste órgano, incluíndo a dous mandos intermedios e a unha directiva. “A CIG, tendo en conta que sería esta Dirección a que se investigaría a si mesma, solicitou que se instruíse en Servizos Centrais para garantir a imparcialidade, extremo que foi rexeitado polo Sergas”.
Polo que o traballador tivo que recorrer á vía xudicial por incumprimento das obrigacións legais en materia de prevención de riscos laborais, que terminou dándolle a razón e condenando o Sergas a indemnizalo.
Depuración de responsabilidades
Dende a CIG-Saúde celebran unha sentenza que supón un “éxito moral” para o traballador e que “pon algo de luz nunha situación de penosidade absolutamente evitable que repercutiu negativamente na súa saúde”.
Ao mesmo tempo, a central sindical considera “especialmente grave” o acontecido, dado que existía “pleno coñecemento” por parte da Xerencia e da Dirección de Recursos Humanos dende o ano 2021, “malia o que non adoptaron medidas eficaces, tal e como a sentenza vén a demostrar”.
Por todo isto, a CIG reclama que se depuren as responsabilidades pertinentes “posto que a Xerencia, coa súa pasividade e permisividade coas persoas responsables, causoulle un prexuízo a un traballador, rematando agora cunha condena indemnizadora que se terá que abonar con cartos públicos”.