![Confederación Intersinidical Galega](/assets/cig/2022/logos/cig.png)
Condutores/as de Alsa concéntranse na estación da Coruña para esixir "respecto e saúde laboral"
![](assets/images/a/21-11-16_ConcentracionAlsa_01-3d20151a.jpg)
Traballadores e traballadoras de Alsa concentráronse este martes na estación de autobuses da Coruña para denunciar o deterioro das condicións laborais, a falta de mantemento adecuado da flota de vehículos e o empeoramento do servizo que se presta ás viaxeiras e viaxeiros que utilizan o transporte metropolitano da área da Coruña.
![](imaxes/adaptadas/780/files/novas/2021/11/16/alsa/21-11-16_ConcentracionAlsa_02.jpg)
Con esta primeira protesta quixeron denunciar a precarización laboral que están a sufrir dende que o pasado mes de decembro se efectivizou a subrogación do servizo á nova concesionaria (unha empresa do grupo Alsa) que, entre outras cuestións, acurtou o tempo dos recorridos das liñas "facendo imposíbel" cumprir os horarios establecidos pola Xunta.
Isto, explican os delegados da CIG, está a xerar numerosas queixas por parte das usuarias e usuarios dos autobuses "porque non se cumpren os horarios e o servizo é un desastre".
Xunto a isto, denuncian a falta de uniformidade para todo o persoal e o deficiente mantemento da flota de vehículos, con asentos en moi mal estado, problemas coas máquinas de cobro pola súa mala situación ou co aire acondicionado estragado.