Coa madrugada e a medida que se ía achegando o horario de entrada das primeiras quendas do día constatábase a participación na folga xeral que arrincou ás 00:00 horas de hoxe e que se estenderá até a noitiña. Así o valora o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen afirma que “hoxe vivimos unha xornada na que Galiza está en pé por unha vida digna. Confirmase o traballo que viu desenvolvendo a CIG para chegar a esta folga”.
Mesmo os datos aos que puido acceder a central sindical sobre consumo eléctrico, confirman que a caída ás 10:00 horas de hoxe era dun 6,6% respecto da mesma hora de onte, pero dun 11,6% respecto da mesma hora, o mércores pasado.
Aos datos de participación proporcionados nas primeiras horas temos que engadir, en Vigo, que da flota de Vitrasa só saíron os servizos mínimos, 45 autobuses de 119. O porto pesqueiro está parado e nin sequera houbo lonxa. Como tamén está parado o mercado de froitas e todo o sector naval.
No sector industrial de Vigo, como nestas empresas, na quenda da mañá o seguimento en Borgwarner é total. En CTAG apenas entraron a traballar presencialmente 10 persoas. En ANFACO secunda a folga practicamente todo o persoal. En Magna o seguimento é total, tanto na quenda de noite como na de mañá, ao igual que en Paz Rodríguez.
Ademais, o polígono do Porriño está sen apenas actividade e na planta de Pescanova,o paro é total.
En Lugo, a Policía impediu acceder a Europastry, sequera para informar. Os servizos de recollida de lixo e de transporte urbano están funcionando cos mínimos. O seguimento no sector de panadarías é alto, ao igual que no do comercio do Metal.
Na recollida do lixo de Compostela só entraron as 6 persoas de servizos mínimos, que foron baleirar os camións e pararon ás 00:00. A actividade é mínima nos polígonos do Tambre, do Milladoiro e de Costa Vella, o transporte urbano funciona por debaixo dos mínimos, que denuncian que foron abusivos e practicamente a totalidade das facultades están pechadas.
No porto da Coruña non houbo nin lonxa, nin actividade no porto pesqueiro e tampouco no porto comercial. Nos autobuses urbanos e interurbanos, a policía impediu aos piquetes informativos que realizaran o seu labor. Catro camiños e o Corte Inglés están a esta hora pechados, ao igual que o comercio da zona e na praza de Lugo hai tendas de grandes cadeas pechadas e outras abertas só con persoal encargado, coa particularidade de que a marca Zara está sendo custodiada pola policia.
O paro ten unha afectación importante nos polígonos da comarca, como por exemplo, cun seguimento maioritario en empresas como Metalúrgica Gallega, Celsa Atlantic ou Herfraga. Tamén se deixa sentir no almacén loxístico de Inditex e nas súas auxiliares de comedor e limpeza e no sector servizos, a esta hora espérase que o seguimento entre o pequeno e mediano comercio sexa incluso superior que ás grandes cadeas.
En Pontevedra Safricope, Protea e GPS ETT están pechadas, en Cabomar a metade do persoal secunda a folga. Tampouco entrou a quenda de noite de almacén do Marco Froiz e permanecen pechadas a Cristalería Pontevedresa, COVSA, Gamallo e Ruibal , Aquaterra conservacióm AP 9 e Alvarez Prol. Protea está pechada. Na quenda de noite do almacén do Marco Froiz, Cristalería Pontevedresa e Covsa, Gamalloe Ruibal , Aquaterra conservacióm AP 9 , Alvarez Prol, Aludez alamacén componentes e en Numarsi a maioría do persoal.
En Treves secunda a folga todo o persoal da quenda de mañá, igual que en OYSHO Zara e H&M e en Prezero, a empresa de recollida de lixo, na quenda de noite a folga foi secundada polo todo o persoal e na de mañá tamén.
No Salnés, agás en Valga, a gran industria do metal está pechada.
En Ferrol o paro é total nos estaleiros. Nos servizos de autobuses e de recollida de lixo, só funcionan os servizos mínimos e nos centros loxísticos de Indipunt-Inditex de Narón e de Lidl o seguimento foi case total.
En Ribeira e a Pobra do Caramiñal o seguimento en Congalsa é tan elevado que non lle dá para manter a actividade. En Ignacio González Montes tiveron que pechar liñas, tamén por mor do seguimento da fplga, pola noite, e agora, co número de liñas que ten pechadas tampouco pode continuar coa actividade. Unha situación que se prevé que se repita pola tarde.
Escurís está funcionando cos mínimos. Pola noite só funcionou unha liña e na quenda da mañá foi mínimo o número de persoas que entraron.
No SERGAS a falta de ampliar os datos, os que imos recibindo confirman suspensións de quirófanos nos hospitais da Coruña, Cee e Monforte, mentres que en Ferrol tiveron que ser todos ser suspendidos. Tamén en Ferrol se confirma unha incidencia da folga en Primaria está sendo alta. No conxunto dos hospitais estanse vendo afectadas tamén, ademais dos quirófanos, as consultas programadas
En Política Social denuncian os servizos mínimos abusivos decretados, malia o que o seguimento foi relevante, ao igual que no resto da administración autonómica.
En Ensino, onde aínda están recompilando os datos, calculan a media de participación en Secundaria nun 60% e en Primaria por enriba do 50%, aínda que matizan que hai centros nos que o paro está sendo secundado por enriba do 75% do profesorado. O certo é que a tónica xeral é a alta ausencia de profesorado e alumnado nos centros.
No seu conxunto, no Transporte de Viaxeiras só saíron os servizos mínimos e nalgún caso, nin iso.
A CIG denuncia que toda esta resposta e seguimento da folga ten lugar pese aos abusivos servizos mínimos e a desproporcionada actuación policial, sobre todo na Coruña e en Compostela, mais tamén en Lugo, reprimindo os piquetes e impedindo que desenvolveran o seu labor informativo. Unha actuación policial pola que a central sindical reclama a derrogación inmediata da Lei Mordaza, que non se criminalice a protesta e o respecto do dereito á folga.