
Confírmase o recorte nas pensións ao non recoñecerse a xubilación anticipada nin garantirse os coeficientes nos traballos máis penosos

A CIG denuncia que a publicación do Real Decreto 402/2025, que regula o procedemento previo para o estabelecemento de novos coeficientes redutores, vén significar a última medida do acordo en materia de pensións pactado entre UGT, CCOO e o Goberno o pasado ano “no que perdemos dereitos”.
No contexto no que se consolida a xubilación ordinaria aos 67 anos, se amplían os anos para o período de cálculo aos 29 anos e se elimina a o dereito á xubilación parcial aos 61 anos, confírmase un novo recorte e inxustiza ao prolongarse a vida laboral das persoas que traballan en condicións de especial penosidade, perigosidade, toxicidade ou insalubridade. Algo que a CIG está denunciando dende que se anunciou o último acordo de pensións no marco do diálogo social.
Fronte a propaganda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte que “non se recoñece a xubilación anticipada, como se viña reclamando, nin tampouco resolve a situación de moitas traballadoras e traballadores destes sectores e actividades máis penosas, obrigando a estas persoas a prolongar a súa vida laboral, ao non recoñecérenselle coeficientes redutores nin o procedemento que se estabelece garante que se van xubilar anticipadamente”.
Critica Carril que se consuma un novo recorte das pensións no diálogo social, “verdadeira fosa común dos dereitos laborais”, agravado pola eliminación da xubilación parcial aos 61 anos. “Resulta lamentábel que UGT e CCOO teñan avalado este acordo e ao tempo, de xeito cínico e hipócrita, chamen á mobilización en sectores como a construción ou o transporte para que se recoñezan coeficientes redutores da idade de xubilación, cando estes sindicatos son colaboradores da normas que restrinxen este dereito”.
Vulneración dos dereitos participación da CIG
Este RD, ademais de inxusto e impor novos recortes, incide no sectarismo sindical que practica o Goberno autodenominado “máis progresista” ao limitar a participación na comisión de avaliación ás centrais sindicais estatais, deixando fóra ás organizacións como a CIG que son primeira forza nos seus territorios e que ostentan a condición de sindicatos máis representativos conforme á Lei de Liberdade Sindical de 1985.
“Unha vez máis vulnéranse os dereitos de participación institucional da CIG ao negarse a nosa presenza nesta comisión que será a encargada de emitir os informes que xustifiquen a necesidade de aplicar coeficientes redutores e que pode instar a publicación do correspondente real decreto para o seu recoñecemento”. Coa mesma fórmula, tamén se exclúe a CIG do grupo de traballo para o estudo da dimensión de xénero e a penosidade no desenvolvemento do traballo por cuestión de idade.