Conflito do fletán: mariñeiros en pé de guerra

Manuel Mera - 08 Abr 2020

Sen a loita sindical e política a prol da frota galega do fletán negro, do seu dereito a pescar nas augas internacionais próximas ás costas de Canadá, teríase perdido totalmente este caladoiro e miles de empregos.

 Hai 25 anos o nosa nación viuse mergullada no chamado “conflito do fletán”, que atinxiu a unha parte da frota galega, aquela que pescaba preto da costa de Canadá, en augas internacionais e a grandes profundidades. A súa actividade sería cuestionada polo Goberno canadense que estendeu a súa soberanía pesqueira até as 350 millas, para alén das augas da zona económica exclusiva, seica co obxectivo de protexer especies en perigo.

A expulsión da frota galega, uns 50 barcos conxeladores e parellas que pescaban 40 mil toneladas de fletán negro, a uns mil metros de profundidade, foi unha decisión planificada polo Canadá, tal como confirmaron estudos posteriores e libros sobre o tema, para se apropiar destes recursos (para máis información ler o artigo anexo de Xavier Aboi, secretario xeral de CIG-Mar, publicado no Tempo Sindical(1) nº 5). No Congreso no debate do 15 de marzo o Ministro de pesca e alimentación indicaba que afectaba a 1.250 empregos directos e 7.500 indirectos.

Non foi este o único conflito de relevancia no mar que se deu durante ese ano, tamén destacaron as protestas dos mariñeiros afectados pola paralización da frota do caladoiro canario-sahariano, por mor da demora do acordo pesqueiro da UE con Marrocos (ver entrevista a Aboi sobre o tema, publicada en A Nosa Terra(2)).

En ambos os casos a negociación con estas nacións correspondía á Unión Europea, xa que foi unha das competencias transferidas por parte dos estados membros.

Este artigo ten como finalidade principal lembrar as mobilizacións dos/as traballadores do mar da frota do fletán negro, e a postura dos distintos sindicato e partidos en relación co tema. O conflito comezou co apresamento do pesqueiro galego Estai o 9 de marzo de 1995, por parte de patrulleiras e da Armada do Canadá (o xuízo celebrouse no ano 2005 e o Goberno canadense tivo que compensar ao pesqueiro galego, o que amosa o carácter ilexítimo do apresamento).

Como resposta a esta acción represiva e ás pretensións de Canada de expulsar a frota galega, fixéronse tres grandes manifestacións, que ademais buscaban condicionar a postura de Bruxelas, moi propensa a ceder para evitar conflitos con Canadá. A primeira das mobilizacións foi en Vigo o 15 de marzo, despois unha en Madrid o 6 de abril, por último outra en Santiago de Compostela o dia 29 do mesmo mes. Analicémolas máis polo miúdo-

A) O 15 de marzo convocouse unha manifestación en Vigo ás 19 hrs. apoiada por todos os sindicatos e partidos políticos esixindo a liberdade do Estai que, casualmente, foi liberado ese mesmo día. A policía municipal avaliou en 150.000 as persoas participantes, o que semella algo esaxerado, aínda que a participación foi masiva tal como amosan as fotografías por exemplo do semanario A Nosa Terra (ANT) nº665(3), no que se recollen as distintas posturas respecto da resolución do conflito. Ese mesmo día debatíase o tema no Congreso en Madrid e os xornais daban a coñecer un acordo favorábel aos intereses canadenses(4) que se asinaría o 16 de abril.

B) O 6 de abril a protesta reivindicativa trasladouse á embaixada de Canadá en Madrid, onde se concentraron unhas seis mil persoas. ANT(5) salienta que se desprazaron 50 autobuses dende as rías de Pontevedra e Vigo, aínda así ficaron moitas persoas sen conseguir praza.

Nesta mobilización destacou a presenza do nacionalismo galego, tanto do ámbito sindical como partidario. A xornalista Carme Vidal sinalaba nun artigo neste mesmo número do semanario que: “para algúns resultou duro asumir que foran os nacionalistas quen se mobilizaron xunto cos afectados”.

C) Sen dúbida a manifestación do 29 de abril en Santiago de Compostela foi a que máis polémica causou. A participación foi superior ás dez mil persoas. No palco chocaba a súa composición e a presenza do presidente Fraga, máxime cando había un pouso de carraxe polos resultados da negociación e a falta dunha postura máis firme fronte a Canadá. Todos estes aspectos alentaron as fortes mostras de descontente, tanto por parte dos mariñeiros como das forzas nacionalistas.

No voceiro da CIG Tempo Sindical(6) nº 6 (anexo a este artigo), afirmábase sobre os feitos que: “Algúns confiaban en que a concentración, convocada en defensa do sector pesqueiro, con motivo das reducións impostas a flota galega do fletán, nos caladoiros da NAFO, se convertese nun acto de exaltación ao estilo dos do Réxime do xeneral, que de iso sabe moito D. Manuel.

A indignación dos mariñeiros e das súas mulleres, da presenza incuestionábel do sindicalismo nacionalista, do nacionalismo todo (...) rebentou a romaría. A maioría do Obradoiro non estaba representada no palco e non deixou que desde este se convertese a praza compostelán na Praza de Oriente”.

Pola súa banda ANT(7) destacaba no subtitulo da información: “A mobilización celebrada en Compostela en defensa da frota galega, evidenciou a forte repulsa social fronte ao acordo entre a UE e o Canadá e a falta de decisión política do goberno da Xunta. Fraga preferiu verse acompañado no estrado por altos cargos partidarios (...) que a defender publicamente como goberno os dereitos do sector pesqueiro. As protestas contra o desamparo no que deixou a frota e a instrumentalización política do acto deixáronse sentir no Obradoiro.

Os incidentes anecdóticos serviron para agochar o maior apupo que sufriu Fraga Iribarne na súa andaina política”. A nota tamén deixaba en evidencia que cando as contradicións se agudizan cada cal ocupa seu lugar, así o fixo o alcalde socialista de Vigo, Carlos Príncipe, que ante o asubío e os berros da xente dicíalle a Fraga: “aguante presidente, no se ‘raje’ que lo defiendo yo”. Mentres que o secretario comarcal de CCOO de Vigo, Manel Fernández, daquela xa afiliado ao PSOE “en primeira fila pasou unha hora aplaudindo” a Fraga.

As mobilizacións impediron que a frota fose expulsada na súa totalidade do caladoiro, como pretendía Canadá, mais a redución da cota de pesca foi moi importante, en beneficio das empresas canadenses. A frota viguesa continúa aínda pescando fletán negro, e aínda que as regras de NAFO apertan, aínda hai 22 buques no caladoiro, cunha cota de 4.280 toneladas para España das 15.578 fixadas en total (ano 2015).

Sen a loita sindical e política a prol da frota galega do fletán negro, do seu dereito a pescar nas augas internacionais próximas ás costas de Canadá, teríase perdido totalmente este caladoiro e miles de empregos. Sen dúbida os resultados desta acción reivindicativa terían sido mellores cunha postura do Goberno central e da Unión Europea que non antepuxese outros intereses económicos por riba dos de Galiza.

A Xunta de Fraga tampouco estivo á altura das circunstancias, daquela o que fose apupado na Quintana, e o propio aconteceu co sindicalismo e os partidos de ámbito estatal con presenza na Galiza, que foron perdendo interese no conflito a medida que pasou o tempo (e polas presións do partido do Goberno?), tal como se evidenciou na escasa presenza tanto na manifestación de Madrid como na de Santiago de Compostela. Só os/as afectados e o nacionalismo sindical, a CIG, e político-institucional, o BNG, estiveron á altura da situación. Lembremos estas loitas, que non nos rouben ou terxiversen a historia.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

(1) Tempo Sindical nº 5, abril de 1995

(2) https://anosaterra.com/no-681-6-de-xullo-de-1995/

(3) https://anosaterra.com/no-665-16-de-marzo-de-1995/

(4) https://elpais.com/diario/1995/04/16/economia/797983209_850215.html

(5) https://anosaterra.com/no-669-13-de-abril-de-1995/

(6) Tempo Sindical nº 6, xuño de 1995

(7) https://anosaterra.com/no-672-4-de-maio-de-1995/

_______________________________________________________________________________________

 [Vigo, 8 de abril de 2020]