Consello Técnico de Atención Primaria, unha aposta pola atención primaria que a Consellaría de Sanidade e o goberno do PP non poden desprezar

María Xosé Abuín - 09 Xul 2019

Durante os 9 anos pasados o goberno de Feijoo apostou por políticas de recorte de persoal na sanidade pública aceptando, como bo discípulo, as ensinanzas de Rajoy, que ano tras ano presentaba en Europa os seus logros de recorte na sanidade. O sufrimento das persoas non se recolle en ningún indicador de calidade

 En cumprimento do acordado entre o comité de folga de primaria e a Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS, o pasado día 13 de xuño, o Consello Técnico de Primaria acordou a constitución de 14 comisións de traballo, para abordar de xeito individual, por colectivos, e de xeito conxunto as necesidades profesionais e asistenciais da atención primaria en Galiza.

 Como a atención primaria é a asistencia sanitaria que se presta á poboación desde unha equipa multidisciplinar, todos os colectivos profesionais que traballan na primaria van constituír a súa comisión de traballo para elaborar a carteira de servizos, é dicir, identificar todas as prestacións sanitarias que cada colectivo presta á poboación.

 Ademais das comisións individuais por colectivos, hai outras comisión para, de xeito colectivo, determinar as prestacións da equipa de traballo. Tamén hai comisións con tarefas tan importantes como: determinar as relacións entre as/os profesionais de atención primaria e hospitalaria; a derivación de doentes ao hospital; o envellecemento da poboación; a atención domiciliaria; o traballo comunitario ou a prevención e a promoción da saúde.

 Lamentamos que a Consellaría de Sanidade non aceptase as nosas peticións de incorporar neste Consello Técnico a profesionais da saúde mental como as psicólogas/os clínicos, ou a outros colectivos tan importantes como logopedas ou terapeutas ocupacionais. Nun concepto de saúde integral teñen que estar presentes todos os colectivos.

 As conclusións destes grupos de traballo van achegar unha información vital para a sanidade pública e para a elaboración do novo modelo de atención primaria. Identificarán as necesidades asistenciais, as necesidades de traballadoras/es que necesita o sistema, identificarán a burocracia e as limitacións coas que se atopa o persoal para facer o seu traballo. E, sobre todo, as reiteradas peticións de dotar á atención primaria de órganos de xestión propios que faciliten o seu desenvolvemento.

 Para que isto se cumpra a Consellaría de Sanidade e o goberno de Feijoo só teñen que facer:

- Aceptar as propostas da parte social sobre as persoas que deben formar parte de cada unha das comisións. É dicir, que non boicoteen a ninguén, que non traten de impoñer só ás persoas afíns á Consellaría.

- Que unha vez recibidas as conclusións de todos os grupos de traballo, a Consellaría de Sanidade acepte as propostas das/os profesionais, que as converta en medidas e que as dote do orzamento necesario para a súa consecución. Así no SERGAS haberá un verdadeiro Plan de Atención Primaria.

- Unha parte importante do novo Plan de Atención Primaría será a dotación de profesionais, a elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos que unha vez identificada a necesidade de profesionais, dote con orzamento as prazas necesarias, cre emprego de calidade con estabilidade para as/os profesionais e evite que a emigración sexa a saída profesional de moitas persoas altamente cualificadas.

 Para isto o goberno do PP ten que demandar a eliminación da taxa de reposición, para que se poidan cubrir todas as prazas vacantes e as prazas que se necesitan para dar resposta a novas demandas asistenciais.

 Durante os 9 anos pasados o goberno de Feijoo apostou por políticas de recorte de persoal na sanidade pública aceptando, como bo discípulo, as ensinanzas de Rajoy, que ano tras ano presentaba en Europa os seus logros de recorte na sanidade. O sufrimento das persoas non se recolle en ningún indicador de calidade.

 Agora este mesmo goberno, culpabiliza os demais das súas políticas e demanda a creación de novas prazas MIR e EIR que non demandou en 10 anos. Máis vale tarde que nunca! O problema é que estes profesionais van estar dispoñibles dentro de 4 anos e, se non mudan as políticas de contratación o persoal, seguirán marchando en busca de estabilidade laboral e non haberá profesionais suficientes para a prestación dunha sanidade de calidade.

 Conxuntamente con isto, producirase un esgotamento maior das/os profesionais que a día de hoxe seguen a poñer todo o seu traballo e o seu coñecemento para que a sanidade funcione, a pesar das dificultades e dos recortes que cada día lle impón esta Consellaría.

 

 

[Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2019]