Constátase a falta de implicación da Xunta na posta en marcha dun un protocolo que protexa o persoal do SAF
A segunda xuntanza da comisión encargada da elaboración dun protocolo contra a violencia nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), que tivo lugar onte en Santiago, constatou a falta de implicación da Xunta na elaboración dun protocolo que sexa realmente eficaz para garantir a protección das persoas traballadoras do sector. De xeito que dende a CIG advirten que non darán máis oportunidades para que se tome en serio o documento e esixen un compromiso real para que sexa efectivo.
A central sindical insiste na necesidade de que a Administración autonómica faga os cambios normativos necesarios e achegue o financiamento preciso para a súa posta en macha, mentres que demanda das empresas e do resto de sindicatos e activación da mesa de negociación do convenio colectivo que faga posíbel a súa aplicación sen que esta supoña unha perda salarial para os cadros de persoal no caso da suspensión dun servizo.
O desleixamento da Xunta chega ao extremo que na comisión de traballo non participa ningunha persoa representante da Consellaría de Política Social, optando por enviar as directoras xerais das inspeccións técnicas, que se limitan a trasladar que existe unha normativa e uns procedementos internos que se van cumprir e que a prioridade sempre vai ser o mantemento do servizo e o coidado das persoas dependentes. “Coidado que curiosamente non se ten en conta cando as persoas están dous anos agardando por unha valoración ou seis meses para que se lles asigne un servizo”, denuncian dende CIG.
A partir de aí semella que o dereito destas persoas a contar co SAF está por riba de calquera outro dereito, neste caso os dereitos das traballadoras, incluso poñendo en risco a súa saúde e seguridade. “No encontro tamén quedou claro que a Xunta non ten pensado facer un esforzo por cambiar eses procedementos para garantir a protección do persoal, e sen isto o protocolo nunca vai ser efectivo”, advirten.
Finalmente, na CIG reiteran a súa disposición a seguir negociando o contido do protocolo “coa mellor das vontades a pesar da falta da actitude da Xunta e das empresas”, porén adiantan que “non daremos máis oportunidades para que tomen en serio o documento e aposten por medidas que garantan a súa aplicación real de cara a rematar coa situación de especial vulnerabilidade na que se atopan as persoas traballadoras dos SAF”.