Constellium Automotive vulnera o dereito de folga contratando traballadores/as de ETT

A empresa da automoción con sede no Porriño substitúe folguistas con persoal externo para completar as quendas
O Porriño - 16 Abr 2024

A CIG-Industria de Vigo denuncia que a empresa Constellium Automotive, con sede no Porriño, está a vulnerar o dereito de folga contratando persoal externo mediante ETT. A representación dos traballadores/as detectou cando menos seis casos (tres por quenda) e xa os puxo en coñecemento da Inspección de Traballo, que este mediodía se trasladou até a fábrica situada no polígono da Granxa e constatou esta práctica ilegal.

Na CIG agardan agora que a autoridade laboral emita a pertinente resolución sobre unha manobra que lle permitiu a Constellium completar as dúas quendas de traballo que mantén na actualidade, xa que o elevado seguimento do paro indefinido obrigáraa nun primeiro momento a unificar as tres quendas nunha única, que recentemente ampliou a dúas botando man de persoal eventual.

A dirección da compañía opta por este tipo de estratexias no canto de intentar un achegamento coa representación duns traballadores/as que acordaron iniciar unha folga indefinida o pasado 1 de abril para rexeitar a imposición de altos ritmos de traballo e o despido represivo dun compañeiro.

Segundo explican dende a CIG, que conta coa totalidade da representación no comité (cinco delegados/as), a convocatoria chegou despois de que Constellium decidise romper as negociación que mantiña coa representación sindical para determinar os tempos de produción e optase por comunicar o despido dun traballador “coa intención de amedrentar o cadro de persoal”.

Imposición de altos ritmos de traballo

A cuestión dos ritmos de traballo quedara pendente dende a chegada da CIG ao comité, tempo no que se conseguiron outras melloras laborais. “A representación sindical esixía mediacións reais para determinar os tempos esixíbeis por parte da empresa, o que motivou un conflito con anterioridade, tras o que se logrou que unha compañía externa fixese as medicións”. Mais algúns parámetros quedaron en mans de Constellium, que non os contemplou á hora de fixar os ritmos.

“Estívose tempo negociando, pero a empresa anunciou que a partir do día 1 de abril comezaba a aplicalos a pesar de que non se chegou a un acordo”, denuncian na CIG-Industria. O sábado 23 de marzo o persoal celebrou unha asemblea para abordar a situación, acordando convocar folga a partir do día 1 no caso de a dirección non dese marcha atrás. “Quedouse de comunicarlle a decisión a Constellium o luns 25, pero o mesmo domingo 24 a empresa despide un traballador como represalia, algo que xa fixera con anterioridade”.

De xeito que o cadro de persoal opta por facer efectiva a convocatoria de folga indefinida dende as 22:00 horas do domingo 31 de marzo (ao inicio da quenda de noite). Dende entón desenvolve concentracións diarias ás portas da empresa, que recentemente optou por trasladar tamén a Stellantis.