Constitúense as mesas con AEB e CECA para negociar os rexistros de xornada e extras

Son as primeiras patronais que queren un acordo nesta materia
Nacional - 13 Xan 2017

O pasado 12 de xaneiro sindicatos e patronais da banca acordaron constituír as mesas negociadoras que, con data de 15 de marzo, deberían acordar os sistemas de rexistro de xornada e horas extraordinarias do persoal das entidades bancarias. A CIG xa avanzou as características que deberían ter eses rexistros, incluíndo o traballo realizado con tabletas ou móbiles na empresa.

Segundo explica a CIG-Banca, até o de agora as patronais bancarias negaron a existencia dunha “fraude laboral masiva” na xornada laboral, ao igual que negaban a obriga de rexistrar a xornada e as horas extraordinarias. Porén, a campaña sindical, na que a CIG-Banca tivo un papel preponderante “forzou ás empresas a cambiar de posición”.

De feito, ambas as patronais, Asociación Española da Banca (AEB) e Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA) anunciaron que se trata dunha actuación conxunta que sería a primeira en materia laboral. Para xustificar o seu cambio de posición argumentan tres cuestións: as sentenzas favorábeis aos sindicatos (no caso de Abanca presentada pola CIG); os conflitos colectivos (no Pastor-Popular e no BBVA, interpostos pola CIG, que ademais se adheriu a outros no Sabadell e no Santander) e a campaña de control das Inspeccións de Traballo que situaron o sector financeiro como prioritario, polo que a central sindical nacionalista ten en marcha unha vaga de denuncias.

Sistemas rigorosos

Cara os sistemas que se implanten a CIG xa avanzou que deben ser rigorosos para evitar a fraude. Ademais insistiu en que deben rexistrar a xornada habitual nas oficinas, mais tamén as novas formas de traballo, como o tempo das visitas comerciais, os desprazamentos fóra dos centros de traballo habituais e computar o tempo traballado a través dos novos medios tecnolóxicos facilitados polas empresas: teléfonos móbiles intelixentes, tabletas…

As vindeiras reunións están fixadas para o 25 de xaneiro, con CECA pola mañá e coa AEB pola tarde e as patronais farán as súas propostas.