Continúa a folga indefinida en Leche Celta ante a falta de avances significativos na reunión da mediación

A empresa presentou unha proposta económica insuficiente e insiste en establecer un sistema retributivo inxusto e arbitrario
Pontedeume - 04 Feb 2022

Os traballadores e as traballadoras da planta de Leche Celta en Pontedeume continúan adiante coa folga parcial indefinida (este venres cumpren a quinta xornada) ante a falta de avances significativos na reunión celebrada esta mañá nun hotel da Coruña, coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.

Na mediación, solicitada pola propia empresa despois de non manter ningún contacto co comité dende o inicio dos paros laborais o pasado 10 de xaneiro, a dirección de Leche Celta insistiu en manter o sistema retributivo arbitrario e inxusto, que liga os incrementos salariais á cuestións como a produtividade ou o absentismo.

Isto suporía, explica Fran Cartelle, representante da CIG, penalizar a nivel retributivo ás persoas que enfermen ou collan un permiso, e vincular os incrementos salariais a cuestións nas que o persoal non pode incidir como que non haxa taras nos produtos ou atrasos na produción. Subliña que nin sequera a patronal do sector se atreveu a formular a incorporación deste tipo de criterios arbitrarios na negociación do convenio estatal de industrias lácteas que vén de asinarse.

A empresa si  presentou unha nova proposta económica superior á que tiña ofertado até o de agora, pero que non chega aínda ao incremento acordado no convenio estatal. "Se sumamos a suba da parte fixa e a variábel si que se superaría o incremento estatal, pero o que demandamos é que a suba sexa toda na parte fixa, que é onde se garante realmente o mantemento do poder adquisitivo dos soldos", apunta Cartelle.

Por parte da empresa comprometéronse a estudar esta demanda de cara á próxima reunión da mediación que terá lugar o vindeiro martes, xa que a dirección da planta de Pontedeume se inhibiu de avanzar máis nesta cuestión até que consulte cos responsábeis do grupo propietario, Lactogal.

No decurso da xuntanza, representación social tamén solicitou que, a respecto da produtividade e o absentismo, que a empresa presenta como un gran problema, se faga unha análise das causas reais e alternativas para evitar as baixas por motivos preventivos, pois neste centro de traballo hai falta evidente de investimento en medidas de prevención.

Neste punto, a como a empresa tampouco trouxo propostas a nivel social, dese por rematado o encontro. Así ás cousas, a folga parcial (de tres horas por cada unha das quendas laborais) continúa adiante e de non producírense avances significativos na próxima reunión, o comité non descarta intensificar as mobilizacións.