Continúa a folga indefinida en Viza para reclamar un convenio digno tras o fracaso da mediación laboral

A produción na empresa do sector da automoción con sede no Porriño volve estar paralizada
Vigo - 22 Xun 2016
A folga indefinida convocada pola maioría do comité de Viza Automoción (CIG, CCOO e UGT), empresa de capital galego con sede no Porriño, para reclamar un convenio colectivo digno continúa tras o fracaso da mediación laboral. Ao igual que onte, primeiro día de paro, a produción segue totalmente paralizada xa que o persoal indefinido secundou a convocatoria de xeito masivo.

A representación dos traballadores/as mantivo unha xuntanza coa dirección da compañía por espazo de tres horas esta mañá na sede da Inspección de Traballo, coincidindo coa segunda xornada de folga.

O encontro rematou sen avances na negociación ante a inmobilidade da empresa, que continúa sen garantir todos os postos de traballo e que tampouco cede en canto ao incremento salarial que os empregados/as pretenden incluír no novo convenio colectivo.

Arredor das 13.00 horas as partes decidiron suspender a reunión, que se reanudou ás 16.30 horas. Previamente, os traballadores/as concentrados/as ás portas da sede da compañía no polígono porriñés das Gándaras celebraron unha asemblea para valorar o seguimento da folga e informar sobre o contido das negociacións. As conversas continuaron pola tarde até preto das 21.00 horas, mais o acordo non foi posíbel. Este xoves continuarán a partir das 9.00 horas.

Ao igual que na primeira xornada, o paro continúa a ser maioritario entre o cadro de persoal con contrato fixo, xa que só entraron a traballar algúns empregados/as temporais e parte dos técnicos/as e administrativos.