• Nova

Continúa o seguimento masivo da folga en defensa do convenio de Otis

Empregados/as galegos/as mobilízanse a diario diante dos centros de traballo
Nacional - 03 Dec 2021

A folga convocada a nivel estatal en defensa do convenio de empresa de Otis continúa a ter un seguimento masivo por parte do cadro de persoal, que aproveita ademais para levar a cabo mobilizacións diarias diante dos centros de traballo. En Galiza os paros están a ser secundados pola práctica totalidade dos empregados/as, que tamén se concentran a diario diante das sedes da compañía, como no caso de Ourense e Vigo.

A cidade olívica acolleu precisamente no día de onte unha protesta de traballadores/as de todo o país, que se desprazaron até a fábrica de Enor, empresa que fai parte do grupo Otis, no polígono de Valadares. Os propios/as empregados/as de Enor participaron na concentración en apoio da loita dos seus compañeiros/as antes do inicio da xornada laboral.

Coa de hoxe cúmprense un total de 13 xornadas de folga, 12 delas consecutivas. Está previsto que os paros continúen até o vindeiro día 9 no caso de que antes non se chegue a un acordo. De feito, a empresa quedou en trasladar hoxe unha nova proposta na mesa de negociación.