Continúan as mobilizacións de CIG-Ensino contra os despedimentos no Scientia School de Lalín
A CIG-Ensino desenvolveu hoxe unha nova concentración ás portas do Scientia School de Lalín para reclamar a readmisión dos seis traballadores/as despedidos/as por supostas causas organizativas e técnicas, incumprindo deste xeito as condicións da poxa na que adquiriu as instalacións do antigo colexio Sagrado Corazón do Deza.
Trátase da segunda mobilización que se leva a cabo diante das instalacións do centro privado en Lalín para denunciar o que está a acontecer e reclamar a readmisión dos afectados/as. Segundo lembran dende a federación de Ensino da CIG de Pontevedra, o colexio Sagrado Corazón do Deza, con sede en Lalín, entrou en concurso de acredores o ano pasado.
Paralelamente, presentou un ERE para 35 dos 58 traballadores/as, aínda que finalmente foron 17 as persoas afectadas. “O ERE fíxose á medida de Scientia School, que era a única empresa interesada na compra do colexio, pero despois apareceu outra compañía, que negociou co comité (integrado por CIG e FSIE) un ERE para só 8 empregados/as”.
A representación sindical acepta esta proposta porque supoñía menos despedimentos, ademais de respectar a antigüidade do persoal e abrir a posibilidade de que as persoas que así o desexasen puidesen acollerse ao ERE de xeito voluntario, recibindo unha indemnización de 33 días por ano traballado. En consecuencia, o 27 de outubro lévase a cabo a poxa do colexio, na que Scientia School asegura que iguala a oferta económica da outra empresa e ademais subroga a todo o persoal.
Pero xa durante a tramitación do ERE procedera a renovar contratos co obxectivo de desfacerse do persoal con máis antigüidade e que fose o Fogasa quen pagase os despedimentos.
Denuncia na Inspección
O 15 de decembro oficialízase a compra por parte de Scientia, e días despois a empresa comunica que vai levar a cabo despidos. En febreiro inicia un ERE, que a CIG non recoñece porque a dirección non presenta a información económica da compañía actual senón que facilita a do Sagrado Corazón. Finalmente, o ERE non se fai efectivo porque Scientia incumpre os prazos.
“Pero entón anuncian o despedimento procedente de seis traballadores/as por supostas causas organizativas e técnicas, polo que volvemos reclamarlle a documentación económica, e responden que non nola dan porque non estamos no ERE, aínda que temos dereito ela ao formar parte da representación legal dos traballadores/as”.
Diante disto, a CIG presenta unha denuncia diante da Inspección de Traballo e inicia unha campaña de mobilizacións para reclamar a readmisión dos despedidos/as. Ao mesmo tempo, a central sindical solicitou xuntanzas cos grupos políticos de Lalín para demandarlles o seu “apoio e solidariedade” e comezou unha recollida de sinaturas entre a veciñanza.