Continúan as mobilizacións do persoal de limpeza dos hospitais Clínico-Gil Casares e Provincial

Concentráronse esta mañá diante do Hospital Clínico para exixir que se resolva a situación
Compostela - 11 Out 2023

Traballadoras dos servizos de limpeza dos hospitais Clínico, Gil Casares e Provincial continúan mobilizándose. Esta mañá fixérono ás portas do Hospital Clínico para seguir denunciando os incumprimentos do convenio e de acordos acadados por parte da concesionaria, UTE-Ilunion, xunto co recorte de miles de horas de prestación de servizos nos recentes pregos de licitación do servizo de limpeza dos hospitais Clínico-Gil Casares.

O persoal ten acordado continuar mobilizándose e xa anunciaron tres novas datas:

- Concentración no Hospital Clínico o día 17 de outubro, de 19:00 a 19:30 horas.

- Concentración no Hospital Provincial, o día 19 de outubro, de 18:30 a 19:00 horas.

- MANIFESTACIÓN en San Caetano, na Xunta de Galiza, coincidindo co Consello da Xunta, o día 26 de outubro ás 11:00 horas.

O portavoz dos comités e representante da CIG, Anxo Noceda, apunta, entre outros incumprimentos o do concurso de vacante, a bolsa de contratación do Clínico-Gil Casares, as compensacións dos días covid ou o aboamento da carreira profesional porque, aínda que a concesionaria non nega o dereito, “non se está abonando, nin se poñen as datas para comezar a cobralo”.

Respecto das compensacións covid explicou que son compensacións en días, polo tempo de traballo na atención a persoas con covid que se estableceron durante a pandemia en función do tempo traballado e que “a día de hoxe aínda non foron compensadas”.

Diante destes e outros incumprimentos os comités de empresa do Hospital Provincial e do Clínico –Gil Casares recorreron á medicación no Consello Galego de Relacións Laborais para  abordar esta problemática ou continuar coas negociacións. Porén, “o que nos atopamos foi coa negativa por parte da empresa” e agora “a única alternativa que lle queda aos traballadores e traballadoras da limpeza do complexo hospitalario non é outra que a mobilización”.

Noceda lembrou ademais o recente acordo acadado na mesa sectorial do SERGAS de mellora das condicións retributivas e da xornada laboral que comezará a aplicarse a partir do día 1 de xullo. Un acordo que ten que ser de aplicación tamén ao persoal da limpeza hospitalaria, unhas 320 persoas, que están equiparadas ao persoal do SERGAS.

Supresión de miles horas ao ano na nova licitación

Neste sentido advertiu ás empresas de que, coa publicación dos pregos da licitación do servizo de limpeza dos hospitais, o pasado mes de setembro e, sobre todo, a raíz dunha corrección de erros que se publicou con posterioridade, “non temos dúbida de que se van eliminar miles horas da prestación de servizos anuais con respecto ao que había na anterior licitación, na que xa se eliminaran outras 15.000 horas con respecto ás licitadas no ano 2017 ”.

Por iso considerou que “se coa anterior contrata xa estabamos apurados de cadro de persoal, agora vai ser peor”. Lembrou que o que adoita ocorrer con todas as contratas, co consentimento da Xerencia do Complexo hospitalario, son sobracargas de traballo enormes. A outra alternativa, indicou, “pode ser prescindir de persoal ou ben amortizar postos de traballo unha vez que se produzan xubilacións”.

Lembrou que en moitas ocasións, nomeadamente nas licitacións do SERGAS na área sanitaria de Compostela, sempre se fala do seu custo. A este respecto subliñou que o Consello de Contas de Galiza, “por activa e por pasiva, vén lembrando desde o ano 2014-2015, que este servizo de limpeza resultaría moito máis económico para o SERGAS se fose internalizado”.

Unha internalización que considerou que, ademais, “lles permitiría non empeorar as condicións do persoal a nivel laboral e económico e ter máis recursos para contar cunha mellor dotación de persoal de limpeza”, que, lembrou, “foi a quen aplaudimos moitísimo na pandemia e parece que agora xa nos esquecemos deles”, concluíu.