Continúan as mobilizacións para reclamar a redmisión do despedido en Abanca por informar da venda de produtos complexos

A CIG encheu a rúa do Paseo de Ourense de cartaces denunciando a política laboral da entidade e desenvolveu unha nova concentración
Vigo - 27 Mai 2016
A campaña de mobilizacións que desenvolve a CIG para reclamar a readmisión dun traballador despedido de Abanca por querer informar ao persoal sobre os riscos de vender produtos financeiros complexos continuou este xoves en Ourense. A central encheu a rúa do Paseo da cidade con cartaces denunciando a política laboral da entidade e levou a cabo a terceira concentración do mes.

Dende a CIG-Banca lembran que o empregado foi despedido por cumprir a lexislación, mais sosteñen que “non se trata só dun conflito laboral, senón tamén contra un modelo comercial que pon os traballadores/as contra as cordas”. É por iso que a protesta comezou, de xeito simbólico, coa colocación de restras de carteis de denuncia por toda a rúa do Paseo de Ourense, na zona onde se atopa a oficina na que estaba destinado o despedido.

Durante a mobilización, na que participou o secretario nacional da Federación, Clodomiro Montero, e á que se achegaron numerosas persoas, repartíronse mais de 1000 panfletos denunciando a política comercial da entidade da que foi vítima o traballador. “Levamos repartidas máis de 2500 en tres días, xa que despois das preferentes a xente está especialmente sensibilizada”, indican dende a CIG.

A concentración, convocada pola CIG, contou de novo co apoio de CCOO e de delegados/as doutros sindicatos con presenza na empresa, que participaron na protesta a título particular. Á mesma sumáronse tamén outras persoas despedidas por Abanca con anterioridade.

Dende a central explicam que este mesmo xoves, coincidindo coa mobilización, o banco, que tivo uns beneficios de mais de 300 millóns de euros, anunciou un reparto de dividendos que favorecerá ao novo propietario, o venezolano Juan Carlos Escotet, que percibirá mais de 280 millóns de euros. Por iso un dos berros que máis se escoitou durante a concentración foi “O seu beneficio, o noso sacrificio”.

A CIG-Abanca, que denunciou en numerosas ocasións a privatización e venda da entidade a prezo de ganga, indicou no seu día que os beneficios, que serían para o Estado de non terse privatizado, son utilizados para realizar os pagamentos ao FROB. A privatización -lembran- deixou un burato no erario público de 9000 millóns de euros. “Por si fora pouco, ao mesmo tempo a empresa mantén abertos dous Expedientes Colectivos e realiza de xeito habitual despedimentos que cualifica coma disciplinarios”.