Continúan as mobilizacións pola falta de información das medicións do gas radon no edificios xudiciais

A CIG concentrouse na Fiscalía provincia da Coruña para reclamarlle á Xunta transparencia e prevención
A Coruña - 28 Out 2026

A CIG concentrouse este mércores diante da Fiscalía provincial da Coruña (situada no edificio xudicial da antiga Fábrica de Tabacos) en resposta á falta de información e a demora inxustificábel na entrega dos resultados de medición do gas radon nos edificios xudiciais.

Deste xeito, o sector de Xustiza da CIG dálle continuidade á protesta realizada o pasado 7 de outubro na Audiencia Provincial de Pontevedra, na que se lle exixiu á Dirección Xeral de Xustiza a entrega inmediata dos resultados “ao tratarse dunha información preventiva que afecta directamente a seguridade e a saúde das persoas traballadoras”.

Dende a CIG-Xustiza lembran que o 10 de setembro de 2024 foille trasladado ás organizacións sindicais o organigrama inicial das medicións de gas radon que se ían realizar nos edificios xudiciais de Galiza (dúas avaliacións de edificios xudiciais por cada provincia galega), programación que foi ampliada posteriormente a máis edificios xudiciais.

Porén, meses despois da retirada dos detectores as persoas traballadoras da Administración de Xustiza seguen sen coñecer os resultados das medicións realizadas nos seus propios centros de traballo.

“Estamos a falar dunha cuestión directamente relacionada coa prevención de riscos laborais e coa protección da saúde. De xeito que a información preventiva non pode permanecer meses e meses nun caixón nin estar sometida a trámites interminábeis, mentres o persoal continúa desenvolvendo a súa actividade nos mesmos edificios”.

A situación resulta aínda máis preocupante cando se ten constancia de que se están dando instrucións nos edificios xudiciais de que se ventilen as dependencias, “co que intuímos a existencia duns niveis elevados de radon”.

Por iso, advirten que “dende a CIG imos seguir reclamando transparencia, prevención e garantías para todo o persoal da Administración de Xustiza. Porque cando está en xogo a saúde laboral non caben escusas, atrasos nin silencio administrativo: hai que informar e hai que actuar”.