Continúan as mobilizacións pola readmisión das traballadoras despedidas en Bingo Royal

COMAR comunicou outro despedimento a un traballador con décadas de antigüidade
Vigo - 02 Set 2022

Continúan as mobilizacións en Bingo Royal, do Grupo COMAR, pola readmisión das 3 traballadoras despedidas e, malia as denuncias da CIG, “a empresa segue sen mover ficha”. Así o denuncia o membro da Executiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, quen asegura que “o bingo non é capaz de funcionar con normalidade e desde as 16:00h até as 18:30h case non ten actividade”.

Pérez afirma que a clientela estase a solidarizar coas traballadoras despedidas” e que “o persoal se mantén firme na decisión de manter as accións sindicais”. Explica que este xoves souberon que COMAR comunicou outro despedimento por causas obxectivas a un administrativo dos servizos centrais que desempeñaba o seu traballo no Bingo Royal desde hai décadas “o que nos leva a pensar na posibilidade real de que haxa mais despedimentos”, advirte.

O representante da CIG-Servizos denuncia ademais que a empresa trasladou persoal de Ferrol, A Coruña e Salamanca para cubrir os postos das traballadoras despedidas e máis a algunha vendedora para poder manter o servizo.

Entende que isto confirma a denuncia da CIG en relación á non cobertura de postos por parte da empresa para cubrir vacacións, baixas e días de descanso compensatorio pendentes. Cuestión que está pendente dun AGA do que tiveron esta mesma mañá unha xuntanza.

Isto, para Pedro Pérez, “vén demostrar que as denuncias realizadas pola representación das traballadoras e traballadores da CIG no Bingo Royal “eran fundadas e que a empresa coas súas accións reafírmase na persecución e acoso e derribo contra o persoal afiliado ao noso sindicato por defender os seus dereitos laborais, salariais e sociais”.