Continúan as protestas polo traslado do 061 dende Santiago á Estrada

Persoal estatutario e de Grupo Norte desenvolveron unha concentración nas oficinas de Conxo

Nacional -

Persoal estatutario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 e traballadores/as de Grupo Norte, empresa que xestiona a Central de Coordinación do servizo de emerxencias, desenvolveron unha nova mobilización este martes para reclamar unha compensación xusta polo traslado forzoso do seu centro de traballo dende Santiago á Estrada.

A protesta celebrouse pola mañá diante das oficinas administrativas do 061 na Praza de Martín Herrera, en Conxo, coincidindo coa xuntanza que o comité de empresa de Grupo Norte mantivo coa dirección. A representación do persoal trasladoulle as súas reivindicacións e agardará a ver o que sucede no vindeiro encontro coa empresa, previsto para o próximo martes 21.

Recientemente decidiron suspender a folga que iniciaran o pasado día 4 á espera do resultado das conversas, aínda que apostaron por continuar coas protestas semanais. A de hoxe, na que estivo presente a secretario nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, é a primeira delas, e a partir de agora celebraranse todos os mércores.

Pola súa banda, o persoal estatutario fixo coincidir a mobilización coa data na que a dirección do 061 se reunía de xeito ordinario coa representación sindical, xuntanzas que foron suspendidas unilateralmente polos responsábeis do servizo de urxencias en represalia pola folga indefinida que os traballadores/as manteñen dende o pasado día 1.

Volver