Continúan as queixas pola falta de docentes nos centros educativos de Compostela

Familiares e alumnado do IES de Brión manteñen o peche en demanda dos docentes necesarios
Compostela - 18 Set 2018

A CIG-Ensino ten detectado problemas de falta de persoal en centros da comarca de Compostela, nomeadamente no IES de Brión, onde familiares e alumnado manteñen un peche en demanda dos tres docentes necesarios para garantir a oferta de optativas e de PMAR prevista para este curso. Xunto a este centro, tamén hai falta de profesorado no CEIP de Arcediago en Santiso, no CEIP Castelao de Ordes e no CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba.

A CIG-Ensino denuncia que a política de recortes de persoal educativo iniciada polo goberno Feijóo no ano 2010 lonxe de mitigarse mantense con firmeza neste inicio de curso e contrasta coa propaganda da Xunta de que estamos nunha situación de recuperación económica.

Os casos máis graves sitúanse neste momento no IES de Brión que segue sen ver atendidas as súas demandas de persoal por parte da administración. Malia presentar a súa dimisión a dirección do centro e comezar un grupo de pais, nais e alumnado un peche o xoves pasado a inspección educativa mantén a súa decisión de non conceder máis persoal interino.

En concreto, desde o instituto solicitan tres vacantes para poder cubrir a matrícula das materias optativas que o alumnado elixiu en primeira opción e que se viñan impartindo nos últimos anos con gran éxito dado que recibiron moitos premios dos que a propia Consellaría se ten gabado na súa política comunicativa. Ademais, este profesorado tamén permitiría ofertar un PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento) en 3º da ESO para dar resposta así ao estudantado que necesita reforzo educativo.

Inspección

Na mañá do venres, a inspectora Carmen Ares visitou o centro pero lonxe de tomar en consideración estas demandas propúxolle á dirección que recortara a oferta de optativas e que “optimizara” os recursos dos que dispoñen. Esta actitude aínda incrementou máis o enfado da comunidade educativa, ao igual que a que vén mantendo o conselleiro de Educación que nunha conversa cos representantes da ANPA defendeu que se estaban a cumprir as rateos e que non houbera arbitrariedade na decisión de non conceder estes tres docentes.

“Está claro que a Consellaría quere agochar a súa responsabilidade na xestión deste asunto e mantén un pulso case ameazante coa comunidade educativa do IES de Brión”, asegura a CIG-Ensino.

Problemática en Primaria

Tamén nalgúns centros de Primaria está habendo problemas pola falla de persoal que impide atender con normalidade as necesidades educativas do seu alumnado. No CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba a ANPA cominou as familias a non levar a rapazada ao colexio en protesta polo recorte dun docente de Primaria para poder ter tres grupos de 5º curso. De non ampliárselles o cadro de persoal terán que agrupar todo o alumnado en só dous grupos. Igual decisión tomou a comunidade educativa do CEIP Arcediago no Concello de Santiso que hoxe, por cuarto día consecutivo, tampouco enviará o alumnado ás clases. Neste caso manteñen a súa solicitude dun docente máis para Primaria para non ter que agrupar varios cursos deste nivel.

Xunto a isto, no colexio Castelao de Ordes hai problemas de masificación nas aulas con 26 nenos e nenas en unha das dúas existentes en 1º e en 3º de Infantil, mentres que en 2º de Infantil puideron crear tres grupos pero un deles, malia contar só con 13 alumnos e alumnas, está nunha aula na que non hai espazo para máis.

Desde a CIG-Ensino fixéronselle chegar á administración estas demandas instándoa a atendelas con celeridade para non prexudicar máis o inicio deste curso académico e para que demostre que de verdade respecta o seu persoal docente e o ensino público.