Continúan os paros e as mobilizacións no colexio Sagrado Corazón do Deza para reclamar o pago de salarios

A CIG-Ensino ampliará as protestas no caso de que o administrador non reciba o comité de folga
Lalín - 10 Out 2019

No día de hoxe celebrouse, como vén sendo habitual nas últimas semanas, a convocatoria de folga no CPR Sagrado Corazón do Deza, en Lalín, coa correspondente concentración diante do colexio reclamando o pagamento das nóminas que lles adebedan ás traballadoras/es.

Dende a CIG-Ensino remitiranlle un escrito ao administrador da empresa reclamándolle unha xuntanza co comité de folga para intentar chegar a unha solución “e tamén para que lles faga entrega ás delegadas de toda a documentación que ten pendente”.

No caso de que a solicitude non sexa atendida continuarán co calendario de mobilizacións, concretamente cun reparto no mercado de Lalín o vindeiro venres 18 de outubro e cunha nova convocatoria de folga para os días 21, 23 e 25 de outubro, incrementando o tempo a dúas horas (de 12:30 a 14:30). En todo caso, adiantan que as mobilizacións seguirán até que o colexio abone todas as nóminas pendentes.