Convenio en Leche Celta: rachando co marco estatal

O persoal secundou seis xornadas de folga para traer a negociación dende Madrid ao seu centro de traballo

Pontedeume -

O conflito desenvolvido en Leche Celta demostra a necesidade de rachar cos marcos estatais de negociación colectiva para podermos avanzar na mellora das nosas condicións laborais e salariais. Así o entenderon as traballadoras/es da fábrica de Pontedeume, que reclamaron traer a negociación dende Madrid, “onde non temos voz nin voto”, até o seu centro de traballo para poder participar directamente na negociación, na toma de decisións e na organización da resposta aos ataques da empresa.

Esta determinación permitiu que, tras seis xornadas de folga cun seguimento do 100% do persoal, o pasado 10 de novembro se asinase o primeiro convenio colectivo propio que recolle, en palabras de María Xosé Vizoso, presidenta do comité (8 da CIG e 1 da UGT), “melloras moi substanciais” con respecto ao convenio estatal de industrias lácteas. 

O primeiro convenio colectivo propio recolle melloras moi substanciais con respecto ao  acordo estatal

Logrouse un incremento salarial mínimo de entre o 10% e o 13%, garantíndose, ademais, un diferencial do 1.5% por enriba da suba anual pactada en Madrid; e conseguíronse melloras nas licencias retribuídas, saúde laboral, promoción profesional, cobertura de póliza, maternidade, protocolos de acoso laboral e sexual, etc.

A loita en Leche Celta demostra tamén que a unidade, a presión e o conflito son a única ferramenta para mellorar as nosas condicións de vida. E para iso precísase que das eleccións sindicais saia unha representación social comprometida, capaz de pórse á fronte das reivindicacións da clase obreira.

Volver